Industria impulsa a competitividade das pemes de Ferrol con novas liñas de apoio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, presentou hoxe nunha xornada técnica en Ferrol as novas axudas convocadas pola Consellería de Economía e Industria para apoiar o tecido empresarial, que servirán para dinamizar o investimento e a internacionalización do tecido económico das comarcas, e para mellorar a súa competitividade.

A directora da oficina xestora do Plan Ferrol, Natalia Barros, salientou que as axudas activadas, dotadas con 6,5 millóns de euros, terán especial intensidade na zona, e resaltou que o obxectivo é procurar que os emprendedores e as pemes dispoñan, desde o primeiro momento, de instrumentos e axudas adecuadas para impulsar os seus proxectos empresariais e contribuír así á reactivación do tecido produtivo galego.

No encontro, no que participou tamén un representante de Xestur Galicia para explicar as bonificacións para a adquisición de solo empresarial en polígonos da Xunta, Natalia Barros destacou dentro do novo marco de axudas activado polo Igape a liña para apoiar ás pemes nos procesos de renovación dos equipos produtivos, aspecto fundamental para mellorar a súa competitividade. Esta liña mobilizará arredor de 10 millóns de euros en investimentos empresariais.

No caso dos investimentos realizados nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, os beneficiarios contarán con subvencións un 5% superiores ás que lles corresponderían aos mesmos proxectos se fosen desenvolvidos noutras zonas de Galicia. Os emprendedores terán igualmente acceso a subvencións un 5 por cento superiores ao amparo da nova convocatoria do programa Galicia Emprende

No ámbito da internacionalización, as empresas de Ferrolterra tamén poderán acadar subvencións un 5% superiores ás da maioría das comarcas, ao abeiro da convocatoria para facilitar a contratación de xestores expertos en comercio exterior. O Igape, por outra banda, vén de convocar apoios para que as empresas do sector téxtil desenvolvan as súas estratexias de promoción e internacionalización.

Para facilitar a mellora da competitividade das empresas, o Igape vén de poñer en marcha ademais, por primeira vez, un programa para incentivar a formación de capital humano favorecendo a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias pemes, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos.

Por último, a estes programas veñen sumarse as bolsas do programa ReAcciona, que permitirá a 100 novos titulados obter formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán en 2015 en máis de 300 empresas galegas.

21 de xaneiro de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.