Incrementarase a vixilancia no Casco Histórico de Santiago tras rexistrarse varios furtos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, avanzou que a Casa do concello “aumentará” a vixilancia policial en todo o Casco Histórico da cidade despois de que varios comerciantes da zona denunciasen sufrir furtos e alertasen da provocación de pelexas por parte de indixentes.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres e preguntado ao respecto, o rexedor compostelano explicou que foron os propios comerciantes os que lle trasladaron estas queixas nunha reunión mantida “hai uns días.

“Acordamos aumentar a vixilancia, niso estamos coa Policía Local e en coordinación cos servizos sociais para intentar, a través da axuda correspondente, de buscar solución a un problema que non é doado nin novo”, indicou o alcalde.

Segundo indicou, esta cuestión “presenta unha problemática clara” para eses comerciantes” e “para os veciños da zona”. “Non é exclusivamente un problema de orde público, é un problema máis complexo”, apuntou o rexedor.

PROTESTAS POLA VISITA DE MERKEL

Por outra banda, Hernández tamén se referiu ás dilixencias xudiciais abertas a tres dirixentes do BNG, entre eles o voceiro municipal da formación nacionalista en Santiago, por participar nunha protesta contra a visita da chanceler alemá, Angela Merkel, á capital galega.

“Non me produce felicidade nin sensación positiva ningunha que un compañeiro da corporación teña un expediente pero, en todo caso, tampouco teño ningunha dúbida de que os expedientes no ámbito administrativo e penal son froito da obriga dos funcionarios de actuar en función dos feitos identificados”.

“Polo tanto, non teño ningunha dúbida de que non existe afán de persecución a ninguén”, considerou en referencia ás denuncias formuladas ao respecto pola formación nacionalista, que avanzou que responderá a estas dilixencias “con mobilizacións” e “no ámbito penal”.

9 de xaneiro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.