Inaugúrase o Centro de Estudos Superiores de Emerxencias, Seguridade e Protección en Ourense

Xesús Vázquez na inauguración do centro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde no acto de apertura do novo Centro de Estudos Superiores de Emerxencias, Seguridade e Protección (CESPESP), sito na rúa Sáenz Díez. Na súa intervención o conselleiro explicou que se trata dun centro cun modelo “semellante ao da Formación Profesional Dual, que pretende converterse nunha referencia no sector e proporcionar ao alumnado vantaxes competitivas para incorporarse ao esixente e competitivo mercado laboral.” Trátase, polo tanto, dunha iniciativa que, en palabras do titular de Educación, “vai redundar en beneficio da formación da cidadanía, non só a de Ourense, senón a do conxunto da comunidade.”
“En Galicia, e como resposta tanto á demanda social como ás necesidades do mercado laboral –afirmou Vázquez Abad−, estamos á vangarda na adaptación de titulacións de Formación Profesional, afrontando un importante traballo normativo e organizativo para a mellora da formación profesional aos tempos actuais e á nosa realidade socioprodutiva.” Neste contexto, o responsable da Xunta aclarou que, ao abeiro do artigo 29 da nova Lei 5/2014 de Seguridade Privada, que recolle o desenvolvemento dunha FP propia de Seguridade Privada, esta atoparía en Galicia “alicerces para converter á nosa comunidade en pioneira no conxunto do Estado, tamén neste sector.”
O conselleiro estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García; polo director de CESESP, Miguel Lorenzo Gawenda; e pola xefa de estudos, María Delgado, entre outras autoridades e personalidades dos ámbitos da educación e da seguridade presentes neste acto inaugural.











