Igualdade recolle as achegas das autoescolas para as bases que rexerán a nova convocatoria do programa Conduce Ferrol
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con autoescolas ferroláns para recoller as súas propostas que permitirán mellorar as bases reguladoras do programa “Conduce Ferrol 2015”. Esta achega municipal dirixida á mocidade ferrolá está destinada a obter o permiso de condución.
Neste sentido, o programa Conduce Ferrol implantado neste mandato para o Goberno Municipal consiste en axudas para pagar a matrícula do carné de conducir a persoas empadroadas no municipio con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A Concellería de Igualdade e Xuventude vén concedendo en convocatorias anteriores un máximo de 50 achegas de 200 euros cada unha delas que se teñen que destinar a sufragar unha parte do custe da obtención do permiso de conducir.
A edil Casal Míguez lembrou que o obxectivo de “Conduce Ferrol” é facilitar a autonomía da mocidade e, ao mesmo tempo, mellorar as súas posibilidades de empregabilidade, posto que na actualidade son maioría as ofertas de traballo que inclúen como requisito estar en posesión do permiso de circulación.











