Hermann deixa en San Sadurniño incidencias reseñables

Retirada de árbore
O primeiro temporal serio do inverno deixounos durante a noite ventos de máis de 100 quilómetros por hora aos que se lles foi unindo pouco a pouco choiva intensa. En San Sadurniño a cicloxénese Hermann provocou a caída de pólas e ciscou de follas o firme, polo que cómpre circular con precaución. A incidencia máis destacable produciuse en Igrexafeita, onde un coche bateu contra unha árbore atravesada na estrada sen que se producisen persoas feridas.
Desde primeiras horas da mañá o equipo de obras do Concello estivo percorrendo os principais eixos viarios do municipio para detectar e retirar calquera obstáculo, sobre todo na ruta que segue o transporte escolar. Segundo informaron, o único problema reseñable nas estradas locais foi o da caída dunha árbore no lugar da Torre, en Igrexafeita.
Ao parecer a árbore -situada xusto diante do local social da parroquia- caeu durante a madrugada sen que ninguén se percatase ata pola mañá cedo, cando un coche que circulaba pola estrada foi bater contra das pólas deitadas no asfalto. Non se mancou ninguén e o susto saldouse cun faro roto e unha aleta chazada, a falta de que haxa unha peritación máis precisa dos danos.
O Concello enviou un vehículo de emerxencias con dous operarios, que restableceron o paso pouco antes das dez da mañá. Ata o lugar tamén se desprazou unha patrulla da Garda Civil.
Malia que o vento parece que amaina, a nosa zona aínda segue en alerta amarela por choiva. A partir da tarde disque mellorará algo a situación.











