Goberno, oposición, técnicos e comité de empresa reuniranse en Vilagarcía o martes para estudar as vías de actuación co convenio de Lantero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde, Tomás Fole, presidirá o martes a reunión comprometida no Pleno de onte coa finalidade de analizar as posibles vías coas que conta o Concello para actuar a través do convenio urbanístico de Lantero co obxectivo de defender os postos de traballo da empresa. A xuntanza foi convocada para as 11 da mañá no Concello e ademais do rexedor e a voceira do goberno, están convocados os portavoces de PSOE, BNG e EU e o presidente do Comité de Empresa da cartoneira, Jesús López. Tamén asistirán os técnicos municipais para asesorar e resolver as dúas técnicas e legais sobre o asunto a abordar.

A convocatoria desta reunión de traballo remitiuse esta mesma mañá e, para ir adiantando traballo, xa se lle encargou aos técnicos que foran estudando o convenio asinado en 2004, a normativa que puido ter cambiado dende entón e as alternativas xurídicas e legais existentes.

Con este encontro preténdese executar o acordo plenario adoptado onte por unanimidade para utilizar como elemento de presión no conflito laboral o documento que establecía a recalificación dos terreos de Lantero nas inmediacións da praia Compostela. Estas recalifiaccións argumentáronse no seu día como medio de financiar a construción dunha nova planta máis moderna e grande que garantira a viabilidade da cartoneira e, como condicións, incluíanse a permanencia da firma en Vilagarcía e a conservación dos postos de traballo nun prazo de 15 anos.

Estes condicionantes, así como a tramitación do convenio, será o que se analice o martes para determinar as posibles accións a adoptar polo Concello para tratar de evitar os despidos que plantea Lantero.

22 de xaneiro de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.