publicidade hoxe

Gabriel Tizón inaugura a exposición ‘Europa, realidade dun soño’ en Bissau

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A exposición fotográfica ‘Europa, realidade dun soño’ do fotógrafo galego Gabriel Tizón inaugurouse onte en Bafatá (Guinea Bissau) coa participación de máis de 300 persoas. Esta inauguración é a primeira parada do proxecto Causas Comúns, que apoia o Concello de Oleiros a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Causas Comúns nace cun obxectivo claro: informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. A vivenda, o traballo, a comida, a xustiza… Son xa artigos de luxo, non só nos “países pobres” ou empobrecidos.

Despois de experiencias anteriores en Guinea Bissau e noutros países africanos por parte do autor desta mostra, con exercicios similares a esta exposición, son moitas e moitos quen recoñecen non ser conscientes desta realidade, dunha Europa chea de dificultades económicas e sociais, o que nalgúns casos lles fixo reflexionar e reconsiderar a súa decisión de emigrar. Coa exposición ‘Europa, realidade dun soño’ preténdese resaltar a importancia de dar a coñecer esta situación entre o pobo africano, para visibilizar ao que se enfrontan e os obstáculos que se van atopar no camiño a Europa. Esta interesante mostra visitará Oleiros ao longo deste ano unha vez chegue a España desde o país africano.

9 de xaneiro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.