Francisco Conde visita a remodelación da praza de abastos de Vilagarcía de Arousa

Francisco Conde na visita á praza de abastos
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita a Vilagarcía de Arousa o impulso da Xunta á praza de abastos da localidade polo papel que exerce como motor do comercio local e parte do seu atractivo turístico. Neste sentido, Conde sinalou que a Consellería asinará un convenio co Concello para impulsar a segunda fase da remodelación da praza, para o que o departamento que dirixe reserva xa unha partida específica de 120.000 euros coa que se dará un novo pulo ao mercado vilagarcián.
Na súa visita, na que estivo acompañado polo alcalde, Tomás Fole, así como polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer as melloras realizadas no 2014, cun apoio da Xunta de máis de 80.000 euros, que permitiron renovar a imaxe exterior dun edificio, que, tal e como subliñou o conselleiro, forma parte do patrimonio histórico da vila e permite atraer unha importante actividade económica.
Conde destacou a importancia da colaboración entre administracións para impulsar as prazas de abastos e agardou que o proxecto da segunda fase dea resposta tanto ás demandas dos propios praceiros e comerciantes como dos vilagarciáns no seu conxunto, servindo para impulsar e revitalizar o comercio en Vilagarcía como unha das actividades importantes dentro da economía desta vila.
O conselleiro destacou a aposta da Xunta polas prazas de abastos, un eido no que se está a impulsar unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a esencia das prazas, como son a calidade, a diversidade, e a atención ao cliente, incidindo en que o mellor recurso co que contan os mercados son os profesionais que neles traballan.
Neste sentido, a Consellería vén de abrir a nova convocatoria de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros. Ademais, e a maiores da contía asignada a Vilagarcía, o Goberno galego vén de anunciar un novo programa de axudas aberto a todos os concellos galegos para impulsar as prazas de abastos, dotado con preto de 3 millóns de euros.











