Francisco Conde destaca o papel da provincia de Lugo na Estratexia da Biomasa
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe, acompañado pola delegada territorial, Raquel Arias, a Escola Municipal de Palas de Rei, onde coñeceu a nova caldeira de biomasa coa que conta o edificio, instalada grazas á liña de apoios promovida polo Inega. A través deste programa, subliñou Conde, o Goberno galego segue a avanzar no desenvolvemento da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, que está a xerar unha nova industria en Galicia que permite “fixar emprego no rural” ao tempo que mellora a prevención de incendios, e na que a provincia de Lugo xoga un “papel fundamental”.
“Lugo suma preto do 34% da masa forestal de Galicia, e ese peso dalle un protagonismo singular nesta Estratexia”, explicou Conde, quen sinalou que a través do programa do Inega a provincia incorporou o ano pasado 130 novas caldeiras que mobilizan case 3 millóns de euros.
Estes equipos, salientou o titular de Economía e Industria, contribúen ao aforro e a eficiencia enerxética de fogares, empresas e administracións públicas lucenses. Non en van, proseguiu, coa nova instalación o concello de Palas de Rei aforrará preto de 3.000 euros ao ano, “cantidade moi importante que beneficia a todos os veciños e que vai repercutir no conxunto doutras actuacións que se poderán desenvolver”.
Deste xeito, incidiu o conselleiro, o desenvolvemento da Estratexia da Biomasa está a permitir a conformación dun tecido empresarial que atende tanto á construción e instalación de caldeiras como a transformación, produción e distribución deste biocombustible.
Neste contexto, Conde destacou o labor da empresa Bio Palas, que visitou tamén durante a xornada, e que grazas a colaboración da Xunta sumará este ano a fabricación de pellets á produción de estelas que viña realizando ata o de agora. “Trátase dun exemplo claro de como esta Estratexia pode fixar emprego no rural cun investimento que lle vai permitir ampliar a liña de produción e que, polo tanto, suporá un incremento do emprego en Palas de Rei”, incidiu.
Todas estas actuacións, explicou o titular de Economía e Industria, se encadran nun contexto de cooperación institucional como fórmula para garantir a eficiencia e multiplicar os retornos do investimento público. Neste sentido, apuntou, “Palas de Rei está sendo un concello moi activo impulsando distintas iniciativas en eidos como o comercio, a industrialización, ou a eficiencia enerxética”.











