publicidade hoxe

Frades abre o prazo de inscrición para o concurso de disfraces de Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades abre o prazo de inscrición no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 15 de febreiro, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Un concurso aberto a todos cantos se anoten no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567 antes das 14:00 horas do venres 13 de febreiro, xa que non se aceptarán inscricións o mesmo día do concurso.

De cara a axilizar a celebración do concurso, ademais de non aceptar anotacións nese mesmo día, o Concello de Frades decidiu limitar a 5 minutos o tempo do que disporán os participantes para realizar a súa presentación. A outra novidade desta edición será o incremento da cantidade destinada a premios, que pasa a ser de 960 euros por mor da inclusión dunha nova categoría: mellor disfrace individual ou de grupo conformado por veciños e veciñas de Frades, distinguido con 120 euros (sempre que non foran premiados noutra categoría).

Premios

Polo demais, o concurso mantén as dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado, que premiará os dous mellores disfraces de cada categoría, lembra que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos.

Haberá premios de 300 e de 150 euros para os dous mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os dous gañadores do concurso de grupos levarán 100 e 50 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira a partir das 16:30 horas.

Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, música e unha gran chocolatada. Unha festa na que tomaron parte case catrocentos veciños en 2014, edición que rexistrou uns 70 participantes no concurso de disfraces.

15 de xaneiro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.