Finalizadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza

Adecuación da rúa
Co pintado da vía déronse por finalizadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza, en Malpica. O investimento superou os 16.000 euros, pero este pequeno proxecto, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, vai contribuír de maneira importante a mellorar a circulación pola zona. O goberno municipal está a facer un importante esforzo para manter a rede viaria en condicións óptimas e para mellorar a mobilidade peonil. Con esa intención, ao longo do ano pasado acometéronse numerosas obras.
Precisamente na Camuza levouse a cabo un proxecto de mellora da seguridade viaria no tramo que abrangue dende o cruce de Seaia ata o tanatorio. Os traballos afectaron a máis de 600 metros a ámbolos marxes da vía que une Malpica con Ponteceso, moi transitada pola existencia de vivendas e negocios.











