Ferrol participa na cuarta edición do club de debate para estudantes de Eso e Bachalerato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol volve a participar, a través da Concellería de Normalización Lingüística que dirixe Martina Aneiros Barros, na actividade “Club de Debate”. Trátase dunha iniciativa que nace ao abeiro do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia para un dos sectores que as administracións ferrolá e a autonómica consideran estratéxico: a mocidade. O obxecivo xeral do “Club de Debate” é impulsar o uso a lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Ferrol asinará pasadomañá, mércores día 21, o protocolo de colaboración para o desenvolvemento desta cuarta edición do Club de Debate xunto cos Concellos de Ames, Carballo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra, O Carballiño, e Negreira -como nova incorporación-. O acto de sinatura terá lugar na Casa Consistorial de Carballo.

Aneiros Barros explicou que o certame se desenvolverá como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega en que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto. Esta iniciativa, dirixida a estudantes de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou 1º de Bacharelato, contará con tres equipos de alumnos/as pertencentes ao IES Leixa e o colexio Compañía de María que representarán ao Concello de Ferrol. Así, os equipos ferroláns desenvolverán o vindeiro xoves, día 22 de xaneiro, a xornada de formación onde se darán a coñecer as normas, tempos, estrutura e a dinámica de funcionamento do certame. Esta xornada de traballo terá lugar en horario de mañá no salón de actos do Antigo Hospicio.

A edil de Normalización Lingüística engadiu que esta actividade formativa tamén permitirá “impartir nocións e consellos básicos sobre a procura de información, a preparación de documentación e, especialmentem sobre as habilidades comunicativas precisas para o desenvolvemento fluídos das intervencións”. Ademais do Concello de Ferrol, outros oito municipios galegos participarán nesta nova edición do Club de Debate, estes son: Ames, Carballo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Pontevera, O Carballiño e Negreira.

“O conto viaxeiro”

Noutra orde de cousas, a Concellería de Normalización informa que xa está a disposición na rede o video-conto “O Conto viaxeiro”, realizado por alumnos/as de diferentes centros de ensino da cidade. A ligazón para poder visualizar o resultado desta iniciativa promovida polo Concello de Ferrol é a seguinte: www.contoviaxeiroferrol.wordpress.com. Tamén se pode acceder a través da páxina web municipal: www.ferrol.es. O alumnado dos centros educativos de Recimil, Isaac Peral, Esteiro, Cruceiro de Canido e Terra de Ferrol foron os artífices do resultado da proposta.

19 de xaneiro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.