Ferrol adxudica as obras de mellora e rexeneración dos Cantóns de Molíns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol que preside Jose Manuel Rey Varela abordou esta mañá en Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de reurbanización e mellora dos Cantóns de Molíns, das que se ocupará a empresa FCC Construcción S.A., cuxa proposta resultou a mellor puntada polos técnicos municipais e demais membros que forman parte da Mesa de Contratación da Administración local e que analizaron as ofertas presentadas por catorce firmas que estaban interesadas en executar esta intervención. O presuposto final de adxudicación ascende a un total de 1.014.252,25 euros (21% de IVE incluído), o que supón un aforro de máis de 183.212,55 euros con respecto ao orzamento base de licitación; e o prazo de execución é de seis meses, a contar a partir da firma da acta de reformulo e o inicio das obras.

Estas obras de rexeneración e mellora da que é unha das principais zonas verdes e espazos públicos de Ferrol enmárcase na recuperación de ámbitos singulares da cidade iniciada neste mandato. Un proceso de mellora dos espazos de encontro veciñal máis senlleiros do municipio que ten a súa mostra en proxectos en marcha ou xa executados como: o parque municipal Raíña Sofía, a praza de España, os Xardíns de San Fracisco e os baixos da Costa de Mella ou este proxecto de recuperación co que se conseguirá “recuperar a antiga esencia e esplendor dunha das principais alamedas de Galicia”, subliñou o concelleiro responsable de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez.

Así, entre outras tarefas, as obras no ámbito dos Cantóns consistiran fundamentalmente en: recuperar o paseo central da alameda, con novo mobiliario de bancos de descanso baseado nunha reinterpretación dos orixinarios; reparación e homoxeneización de pavimentos co uso de granito e formigón cun tratamento especial; así como a instalación dun banco corrido emulando ao existente a principios do século pasado.

26 de xaneiro de 2015 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.