Ferrol acollerá o 7 de marzo a fase de zona da cuarta edición do club de debate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol volve a participar, a través da Concellería de Normalización Lingüística que dirixe Martina Aneiros Barros, a actividade “Club de Debate”. Trátase dunha iniciativa que nace ao abeiro do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia para un dos sectores que a Administración ferrolá e a autonómica consideran estratéxico: a mocidade; e ten como obxectivo xeral o de impulsar o uso a lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. A Concellería de Normalización Linguística asinou esta semana o protocolo de colaboración para o desenvolvemento desta cuarta edición do Club de Debate xunto cos Concellos de Ames, Carballo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra, O Carballiño e Negreira -como nova incorporación-.

A edil Aneiros Barros explicou que o certame se desenvolverá como un torneo por equipos en tres fases de zona e nunha final galega en que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto. As tres zonas en que se divide a competicións son: Carballo-Ferrol-Negreira, Ames-Rois-Santiago de Compostela, O Carballiño-Pontevedra. Esta iniciativa está dirixida a estudantes de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou 1º de bacharelato e cada equipo estará formado por 4 ou 10 membros, que estará dirixido por un preparador -papel que lle corresponderá a un profesor/a do seu centro-.

A día de hoxe, esta cuarta edición do “Club de Debate” conta con 23 equipos inscritos o que supón máis de 200 mozos/as. No caso da cidade naval, participarán tres equipos de alumnos/as pertencentes ao IES Leixa e o colexio Compañía de María. Así, os equipos ferroláns realizaron esta mesma mañá a xornada de formación onde se deron a coñecer as normas, tempos, estrutura e a dinámica de funcionamento do certame.

Final en Carballo

Os temas dos debates son seleccionados contando coas propostas dos propios centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua ou con outros asuntos de actualidade. A cidade de Ferrol acollerá o vindeiro 7 de marzo a fase de zona na que os equipos locais debatirán cos de Carballo e Negreira. En canto aos premios, os dous primeiros equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural valorado en 500 e 300 euros.

Así mesmo, os gañadores en cada zona debaterán na final galega que se celebrará o 26 de abril en Carballo e que abordará o tema “Herdamos o galego, temos que trasmitilo”. O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe multiaventura dunha fin de semana nun espazo da nosa comunidade.

22 de xaneiro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.