ExpoVoda consolídase como unha cita de referencia para vodas, comuñóns e celebracións
O Fórum acolle a fin de semana do sábado 31 de xaneiro e o domingo 2 de febreiro a terceira edición de ExpoVoda, o Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo que se consolida como unha cita obrigada para coñecer as novidades e tendencias do sector. A feira está organizada polo Centro Comercial Aberto Carballo (CCA) coa colaboración do Concello de Carballo e a Dirección Xeral de Comercio. A xerente do CCA, María del Carmen Freire, explica que xa hai 25 expositores confirmados cunha ampla oferta que vai dende a dotación de discotecas móbiles, ata o servizo fotográfico, de roupa e complementos de voda para os noivos e tamén para os convidados, oferta para comuñóns, gastronomía variada -incluídos os dóces de voda-, etc. Os establecementos participantes proceden na súa maioría de Carballo, mais tamén chegan da Coruña, Arteixo ou A Laracha. Como en anos anteriores, haberá degustacións gastronómicas da man de establecementos hostaleiros e desfiles de moda.
Ao contrario que o ano pasado, en que se dispuxo dunha carpa na Praza dos Bombeiros Voluntarios do Fórum, este ano os desfiles volverán ter lugar no interior do edificio, no vestíbulo do auditorio da nave 1. Respecto do horario, será ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, co desfile ás 19.00 horas. O acceso ao recinto pode obterse a través dos convites que reparten os establecementos participantes ou abonando 2 € por unha entrada que permite o paso sempre que haxa aforo dispoñible. Freire explica que, ao igual que o ano pasado, o orzamento destinado á organización da cita é de 20.000 euros, ademais de que o Concello cede de forma gratuíta a man de obra da Brigada Municipal, a ocupación do Fórum para o evento e diverso material para axudar na celebración da cita, aforrando a organización o custo que iso suporía. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou durante a presentación do evento a súa “continuidade” despois dunha andaina de tres anos, o que demostra que “hai satisfacción tanto por parte do CCA como por parte dos expositores”. Subliñou o aproveitamento das instalacións do Fórum, especialmente pensadas para este tipo de citas, e desexou que ExpoVoda sexa “un éxito un ano máis”.











