Expourense albergará unhas xornadas pioneiras en Galicia sobre a seguridade contra incendios

Reunión previa do comité
A celebración das xornadas paralelas do Congreso Internacional de Enxeñaría de Seguridade Contra Incendios será a principal novidade de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense os días 10 e 11 de febreiro de 2015. Estas xornadas, pioneiras en Galicia, reunirán en Ourense aos principais expertos mundiais que definirán as tendencias e estratexias do sector baseadas no coñecemento pola experiencia, a investigación científica e as novas tecnoloxías e abordarán a seguridade contra incendios dende unha perspectiva apoiada na análise e deseño prestacional, coa garantía primordial de preservar a seguridade das persoas e os bens. Inclúen a participación de 35 relatores de 6 países: España, Estados Unidos, Reino Unido, Xapón, Brasil e Ecuador.
Están organizadas por Expourense co apoio da Asociación de Profesionais de Enxeñaría de Protección Contra Incendios (APICI), do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense. Este Congreso comezará un día antes que Previsel, é dicir, o 9 de febreiro, e terán dous días de duración en Ourense para continuar celebrándose en Madrid a partir do día 11.
Os eixes temáticos sobre os que xirarán as xornadas celebradas en Ourense son aqueles que máis afectan a Galicia como a “Seguridade contra incendios no Patrimonio e en Bens de Interese Cultural”, “Formación e investigación na seguridade contra incendios”, “Protección contra incendios na edificación e na industria” e “Os incendios forestais: análise do momento actual. Novas ferramentas para a detección e extinción”.
Previsel
A celebración deste Congreso será a principal novidade de Previsel, un salón que volverá contar cun completo programa de conferencias e talleres organizados polas entidades integradas no comité asesor. A ampla participación na reunión deste comité celebrada en Expourense demostra a implicación das entidades colaboradoras como é o caso da Administración, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Dirección Xeral de Tráfico, os colexios profesionais, os servizos de emerxencia, mutuas e distintos expertos en prevención.
Previsel é un salón organizado por Expourense co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar de la Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).











