Entrégase aos 11 emprendedores beneficiarios as axudas do Concello de Lalín para a creación de empresas

Entrega de axudas
O alcalde de Lalín, José Crespo, e a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, entregaron, aos emprendedores beneficiarios, os certificados acreditativos correspondentes ás axudas do Concello de Lalín para a creación de empresas que este ano posibilitaron a posta e marcha de 11 proxectos empresariais, coa creación de 13 postos de traballo directo nos sectores do comercio, no da hostalería e no dos servizos.
Mantiveron un encontro informativo con estes emprendedores que na súa maior parte son autónomos e teñen como sede social o núcleo urbano de Lalín, agás un que está asentado no rural, na parroquia de Goiás. En total son 9 homes e 3 mulleres, todos con idades comprendidas entre os 20 e os 45 anos.
Crespo felicitounos pola iniciativa emprendedora que están a desenvolver e explicoulles as características do proxecto do viveiro de empresas; indicoulles que será un boa ferramenta para os que están empezando, e sinaloulles que ademais neste viveiro impartiranse accións formativas paralelas e prestarase asesoramento aos emprendedores a través da Fundación Incyde.
Os emprendedores confirmaron que a día de hoxe teñen xa aboadas as axudas e agradeceron moito esta colaboración, no arranque dos seus proxectos empresariais.
A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, indicoulles que teñen á súa disposición os servizos de formación e asesoramento municipais, así como tamén a bolsa de emprego, e o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE) que a Deputación ten no Polígono Lalín 2000. Ao respecto indicoulles que no CPAE se ofrece información e formación sobre redes sociais e comercio electrónico. Neste sentido Batán fíxolle fincapé na importancia que as novas tecnoloxías teñen na promoción das súas empresas e algúns deles xa solicitaron cita nel.
Batán indicoulles ademais que é importante que manteñan contacto entre todos e tamén lle comentou a importancia de que trasladen a empresarios que están actualmente desenvolvendo a súa idea de negocio estas axudas sobre as que este ano haberá unha nova convocatoria.
A de 2014 cuxas axudas se veñen de entregar, é a segunda convocatoria deste programa municipal coa que se pretende colaborar dunha forma activa na xeración de emprego a través da posta en marcha de microempresas con axudas de ata 1.000 euros para a constitución e posta en marcha de novas empresas de Lalín.
As axudas son a fondo perdido con destino ao financiamento de parte dos gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa, inscrición no rexistro mercantil, adquisición das primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros combustibles, gastos de alugamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, primas de seguros, dereitos da propiedade intelectual, entre outros.











