Entrega de premios da campaña ‘Compra no teu barrio… No hai cor’

Entrega de cheques aos premiados
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presidiu esta mañá a entrega de premios da campaña ‘Compra no teu barrio… No hai cor’, unha iniciativa impulsada polo Concello da Coruña dentro as accións do Plan de Dinamización do Comercio baseada no sorteo de 628 vales de compra e a repartición de 51.000 euros en premios.
Os gañadores dos tres primeiros premios recibiron os seus cheques de man de Cid nun acto no Pazo Municipal de María Pita unha vez finalizada a campaña, que se realizou en decembro. O primeiro premio consiste nun vale de 1.000 euros para comprar no pequeno comercio e os outros dous galardóns, en senllos vales de 750 euros. A campaña incluíu ademais o sorteo de 5 premios de 500 euros, 20 premios de 250 euros, 100 premios de 100 euros, 200 premios de 75 euros e 300 premios de 50 euros.
Os 628 afortunados poderán cambiar os seus vales por compras durante todo o mes de febreiro. A asociación de comerciantes Área Obelisco -entidade á que pertence o comercio no que se depositou a papeleta do primeiro premio- tamén recibiu un galardón especial de 1.000 euros en servizos de deseño gráfico. Cid destacou a elevada participación do certame, con 500 comercios participantes, e tamén a contía dos premios, a máis elevada das campañas deste tipo organizadas ata o momento pola Concellaría de Comercio.











