Emprende Lalín inicia novas accións formativas no sector da hostalería, do comercio e en prevención de riscos laborais
Nesta segunda quincena de xaneiro 17 participantes comezarán a realizar prácticas non laborais en empresas, nos sectores de soldadura, automoción, administración, enerxías renovables e alimentación
O programa integrado de emprego que o Concello de Lalín vén desenvolvendo coa colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar, vai ampliar o prazo previsto de desenvolvemento de accións formativas para a mellora da empregabilidade ata finais de abril, co fin de optimizar o desenvolvemento das mesmas.
Así o explica a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, que anuncia que “entre as accións formativas previstas nas vindeiras datas, destaca o desenvolvemento dos seguintes cursos: un de “operacións básicas de piso en aloxamentos”, outro sobre “operacións de caixa na venta”, a “segunda edición do curso para a obtención do certificado de manipulador/a de alimentos” e dous cursos de prevención de riscos laborais específicos no sector do comercio e hostalería-limpeza.
O curso de “operacións básicas de piso en aloxamentos”, cunha duración de 90 horas, dará comezo o vindeiro 19 de xaneiro e desenvolverase ata o 13 de febreiro. Abranguerá formación no sector da hostalería e turismo, relativa ás ocupacións de camareira de pisos e operario/a de limpeza que desenvolven a súa actividade en todo tipo de hoteis e noutros aloxamentos turísticos, así como en aloxamentos non turísticos como residencias de maiores, de estudantes e centros sanitarios, sinala.
Batán afirma que o vindeiro 2 de febreiro iniciarase tamén o “curso de operacións de caixa na venta” que inclúe formación no sector do comercio, relativa á ocupación de caixeiro/a en todo tipo de superficies comerciais. Esta acción formativa, xunto coa xa impartida de atención ao cliente (50 horas) e o curso específico de prevención de riscos laborais (20 horas) a impartir neste mes de xaneiro, completa a formación nesta área de ventas, e dará paso á programación de prácticas non laborais en empresas. Ten unha duración de 40 horas e desenvolverase ata o 13 de febreiro.
Na semana do 19 de xaneiro tamén comezará o curso específico de prevención en riscos laborais nas actividades de venda, cunha duración de 20 horas; e tamén na semana do 16 de febreiro iniciarase un curso específico de prevención de riscos laborais nos procesos de preparación e posta a punto de habitacións e zonas comúns de aloxamentos (20 horas).
Tamén mañá arrancará cunha xornada presencial a segunda edición do curso para a obtención do certificado de manipulador/a de alimentos, cunha duración de 4 horas presenciais e 6 horas a distancia.
PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS EN EMPRESAS
A concelleira delegada de Emprego informa que nesta segunda quincena de xaneiro iniciaranse prácticas non laborais en empresas, un total de 17 participantes do programa. Concretamente 7 o farán en empresas do sector da soldadura/construcións metálicas/fabricación mecánica; 1 no sector da automoción; 6 participantes en administración; 1 participante no sector de enerxías renovables e 2 participantes no sector da alimentación/elaboración de produtos cárnicos.
Con estas persoas serán xa 19 os/as participantes do programa realizando prácticas en empresas, xa que no pasado mes de decembro iniciáronse en Inasus S.L. e Celtamotor Lalín, por un período de 3 meses (1 persoa por empresa realizando prácticas de de delineante e de electromecánica, respectivamente).
Subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar, o programa integrado “Emprende Lalín” é unha ferramenta de apoio á busca de emprego e á inserción laboral ofertada polo Concello que permite traballar de xeito individual con cada un dos participantes ofertándolles un programa flexible e personalizado de accións a incorporar no seu itinerario de inserción para incrementar as súas competencias profesionais, fomentar a súa capacidade de emprego e autoemprego e mellorar a súa empregabilidade.











