Educación prohibe un acto convocado por Marea Atlántica nun instituto coruñés
A Consellería de Educación prohibiu que o Instituto de Educación Secundaria (IES) de Elviña, na Coruña, ceda o seu salón de actos para acoller un foro de debate que tiña previsto Marea Atlántica, segundo denunciou o colectivo e ratificaron fontes do departamento autonómico.
As mesmas fontes explicaron que o colectivo “non pedira autorización” para o acto e engadiu que, cando se tivo constancia da súa convocatoria, se optou por prohibilo sobre a base dun convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que prohibe que os pavillóns dos centros educativos alberguen actos “con fins políticos”.
Educación considera que se o convenio alude a evitar actos deste tipo nos pavillóns, con “máis motivo” non deben ter cabida no interior dun centro. Igualmente, fontes do departamento autonómico sinalaron que os “fins políticos” neste caso non teñen discusión” e que os ratifica o propio colectivo.
“CALAR Á CIDADANÍA”
Fronte a iso, Marea Atlántica emitiu un comunicado no que acusa o PP de prohibilos, a través de Educación, a celebración dos actos previstos no instituto de Elviña “amparándose nun convenio coa Fegamp que non é aplicable neste caso”.
“Evidencia así que é o que máis teme, a xente común exercendo a democracia”, sinala a Marea Atlántica. Non obstante, afirma que “non vai ser tan doado calar á cidadanía”.
De feito, ratificou que manterá as actividades programadas, trasladándoas á sala de cultura do Colexio Oficial de Arquitectos na Coruña.











