publicidade hoxe

Educación investiu máis de 504.000 euros en melloras e novidosos programas no CEP Antonio Magariños e no IES Ramón Cabanillas de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o compromiso do seu departamento coa comunidade educativa de Cambados a través dun investimento de máis de 504.000 euros na reforma de centros de ensino en melloras e implantación de programas novidosos no CEP Antonio Magariños Pastoriza e no IES Ramón Cabanillas, ambas na localidade pontevedresa que hoxe visitou. No seu percorrido por ambos os centros o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; polo alcalde, Luis Aragunde; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

No referido ao CEP Antonio Magariños Pastoriza, o investimento ascendeu a máis de 357.000 euros, tanto para melloras nas infraestruturas como no marco da participación activa deste centro en programas como o Abalar, con 4 aulas informatizadas e outras 2 con kit de aula dixital, ou os contratos-programa, no que desenvolve a liña de Reforzo, orientación e apoio. Así mesmo o CEP ten 4 seccións bilingües e está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

As obras neste centro, cuxo resultado puido comprobar o conselleiro acompañado pola directora, Rosa Fiel, realizáronse en dúas fases. Na primeira delas realizouse a ampliación da biblioteca para mellorar a súa funcionalidade, ao tempo que foi habilitado un espazo para un comedor escolar, unha das principais demandas da súa comunidade educativa. Así mesmo foron reestruturados os espazos para que o centro puidera contar cun total de 12 aulas, e realizáronse melloras nos aseos e na instalación da calefacción. Na segunda fase – executada no ano 2014- acometeuse a reforma da pista polideportiva, tal e como estaba comprometido. “Para iso- dixo o conselleiro- reforzouse a estrutura da pista e substituíronse os materiais da cuberta existente por panel sandwich. Ademais repuxéronse os materiais do cerramento exterior, quedando pechado por completo o recinto”.

IES Ramón Cabanillas

Na súa visita ao IES Ramón Cabanillas Vázquez Abad, acompañado polo director, Manuel Ramón Martínez, puido comprobar o resultado das melloras realizadas nos últimos anos. “En concreto, no 2014 reformouse a instalación eléctrica, obra que se suma á reorganización de espazos, reposición de falsos teitos e reparación de cuberta executadas desde 2010”, dixo o conselleiro. Ademais, a Consellería e a Deputación de Pontevedra asinaron un convenio para a reforma integral do pavillón deportivo deste IES, asumindo a Consellería o custe do proxecto. O investimento total, entre ambas as institucións, ascenderá a máis de 400.000 euros.

Este instituto cambadés recibe ademais achegas da Consellería a través da súa biblioteca escolar e ao abeiro do contrato-programa que ten asinado na liña de Reforzo, orientación e apoio, ademais de contar cunha aula dixital. “Polo tanto, estamos falando dun investimento de preto de 148.000 euros neste centro desde o ano 2009”, sinalou o conselleiro.

21 de xaneiro de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.