Educación investiu 26.000 euros na adaptación dun novo comedor escolar para o CEIP Párroco Don Camilo de Vigo

Bravo Bosh na visita ao centro educativo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEIP Párroco Don Camilo, situado na parroquia de San Andrés de Comesaña, para comprobar o resultado das obras de adaptación dun novo comedor escolar no que a Xunta de Galicia ven de investir preto de 26.000 euros.
Acompañada pola directora do centro, Pilar Álvarez Rey, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do centro educativo e da nova instalación que, coma explicou, era moi necesaria para liberar a aula que actualmente se estaba a utilizar coma comedor e que tiña un dobre uso. Deste xeito, o comedor conta agora con 130 metros cadrados e unha capacidade para 80 nenas e nenos.
Concretamente, a actuación realizada consistiu na obtención dun espazo único de comedor mantendo a cociña actual ademais de ampliar o aseo existente para conseguir dous, un para nenas e outro para nenos. Ademais, abriuse unha porta de acceso directo dende o exterior, modificáronse as instalacións de fontanería e electricidade e instaláronse novas luminarias e radiadores eléctricos. Na cociña, retirouse o mobiliario existente, instalouse un novo pavimento de PVC e construíse unha rampla para salvar o desnivel existente, entre outras. As obras tiveron unha duración de dous meses e xa están rematadas.
O CEIP Párroco Don Camilo conta con 187 alumnos e alumnas e ten en funcionamento 4 aulas de Educación Infantil, 6 de Educación Primaria, unha aula de Pedagoxía Terapéutica, Logopedia e Orientación ademais de aula de Inglés, Música, Audiovisuais e Informática. Conta con seccións bilingües en Educación Artística (para 5º e 6º de Primaria), un auxiliar de conversa procedente de EEUU así coma un 1 kit de aula dixital.
A delegada aproveitou tamén a ocasión para coñecer a biblioteca escolar do centro, que está dotada con máis de 4.000 volumes e que, dende o ano 2013, forma parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) polo que recibiu 9.650 euros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Nos últimos anos, a Xunta de Galicia realizou investimentos na infraestrutura do colexio por un total de case 138.000 euros en varias actuacións que foron dende o peche do patio de xogos ata un cambio de cuberta ou o acondicionamento do ximnasio, entre outras obras menores.
Investimentos en Vigo e área
Bravo Bosch amosou así o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da área territorial de Vigo durante os últimos anos. Exemplo disto son os case 28 millóns de euros que o departamento que dirixe o conselleiro Xesús Vázquez destinou a diferentes obras de reforma, ampliación, mellora e nova construción de centros de Primaria e Secundaria dos 14 concellos que conforman a Delegación Territorial no período 2009-2014.
Vigo cidade foi a máis beneficiada xa que no mesmo período de tempo a Xunta investiu ao redor de 15 millóns de euros para o mesmo fin nos centros educativos da cidade.











