publicidade hoxe

Ecoforest aposta pola innovación impulsando a súa competitividade e converténdoa nun referente no sector da biomasa galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde na visita a Ecoforest

Francisco Conde na visita a Ecoforest

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ás instalacións da empresa fabricante de caldeiras de biomasa, Ecoforest, a continua aposta desta compañía pola innovación que lle permite configurarse como un referente no sector da biomasa galega. “Desde que introducira no mercado europeo a primeira caldeira de pellets, Ecoforest suma 25 anos de experiencia que fan dela unha empresa pioneira que segue a apostar pola innovación para ser cada día máis competitiva”, incidiu.

Neste contexto, Conde subliñou que este compromiso coa innovación, para o que ten contado co apoio do Goberno galego, está a redundar en beneficio de Galicia. Así, a empresa, que dispón de varias patentes, conta na Comunidade cun centro de investigación que lle permite desenvolver a súa propia tecnoloxía e validar os produtos en condicións reais, e dispón do seu propio control electrónico de combustión co que fabrica equipos máis eficientes.

O traballo de empresas como Ecoforest, apuntou Conde, xoga un papel moi importante na Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal que está a promover o Goberno galego co obxectivo de crear unha nova industria xeradora de riqueza e emprego. Este plan, resaltou, atende a toda a cadea de valor, desde a transformación, produción e distribución do biocombustible, ata a construción, montaxe e instalación de caldeiras.

Para o seu desenvolvemento, explicou o titular de Economía e Industria, o Goberno galego está a impulsar a demanda de equipos de biomasa, cunha liña de apoios que mantén o seu compromiso orzamentario para o 2015, e que permitiu este ano a implantación de máis de 600 novas caldeiras, 161 na provincia de Pontevedra.

Para seguir impulsando esta Estratexia, incidiu Conde, “confiamos na capacidade do noso tecido empresarial” que, con empresas como Ecoforest, reflicten o potencial de Galicia para desenvolver unha industria que conta cun amplo mercado internacional.

Neste sentido, o conselleiro sinalou as posibilidades de internacionalización do sector, tanto na fabricación de caldeiras, como demostra a propia Ecoforest con presenza en 35 países, como na elaboración de pellets, cunha demanda que se duplicará na próxima década. Por este motivo, o selo Galicia Calidade certificará a orixe e calidade dos pellets obtidos da biomasa forestal galega, mellorando o seu posicionamento no mercado.

“Galicia preséntase como a comunidade con máis capacidade para producir biomasa forestal, factor que, xunto á calidade dos nosos produtos, debemos aproveitar para acadar o liderado europeo”, subliñou o conselleiro.

21 de xaneiro de 2015 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.