publicidade hoxe

Dúas iniciativas do GAC Ría de Pontevedra poñen en valor o sector marítimo pesqueiro de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, coñeceu hoxe en Marín o resultado de dúas iniciativas impulsadas polo Grupo de Acción Costeira (GAC) Ría de Pontevedra en colaboración con este Concello e coa propia Xunta de Galicia. Trátase do acondicionamento do acceso á praia de Aguete e da mellora de servizos na praza de abastos, coa dotación dunha máquina de produción de xeo e a celebración dun curso sobre manipulación e presentación dos produtos pesqueiros e marisqueiros nos puntos de venda. Estes proxectos contaron cun orzamento total de 182.846 euros, con financiamento dos fondos FEP, do Goberno Central e da Xunta.

Nesta visita a conselleira destacou que estes proxectos supoñen a mellora dos servizos ofrecidos, o incremento do valor engadido dos produtos do mar e a difusión da contorna mariña deste municipio dunha forma lúdica para que os máis pequenos tamén se interesen neste sector.

Con respecto á primeira destas iniciativas, a mellora do acceso á praia de Aguete, o que se fixo foi dotala dunha área de ocio como medio didáctico para dar a coñecer as especies mariñas da contorna e outros elementos relacionados con este medio. O orzamento total foi de 78.887 euros.

O segundo proxecto consistiu na mellora da praza de abastos a través da dotación dunha máquina de produción de xeo, que dá servizo aos empresarios desta instalación. A posta en marcha desta máquina complementouse cun curso sobre manipulación e presentación dos produtos pesqueiros e marisqueiros nos puntos de venda. O orzamento desta iniciativa ascendeu a 103.959 euros. O curso incluíu módulos de hixiene, manipulación de produtos e a adquisición de coñecementos e desenvolvemento de ferramentas para a presentación do produto no punto de venda.

O Grupo de Acción Costeira 6 (Ría de Pontevedra) xestionou ata o de agora axudas por un importe total de 1.633.756 euros. Estas axudas correspóndense con 20 proxectos non produtivos e 16 proxectos produtivos, todos eles finalizados ou en fase de execución.

23 de xaneiro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.