Curso intensivo de inglés en Mos para preparar os exames do First e/ou B2

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón organiza un curso intensivo de inglés para a preparación das probas de nivel para a obtención do First e/ou B2, que se levará a cabo dende o vindeiro mes de marzo a maio de 2015. As probas de obtención do First e/ou B2 convócanse habitualmente no mes de xuño.

Sobre este curso Monzón, concelleira responsable do mesmo, declarou hoxe que “pensamos que é unha maneira de que os mosenses poidan perfeccionar o idioma estranxeiro mais empregado no mundo, e beneficiarse ó mesmo tempo deste aprendizaxe para o que máis  precisen, ben sexa para aplicar nun posto de traballo, para preparar unha proba de idiomas  ou  simplemente polo interese que ten xa de por sí  aprender un idioma novo”.

A frecuencia das clases será de dous días semanais por grupo cunha duración de cada clase de 90 minutos, o que veñen a sumar unha carga lectiva de 12 horas mensuais por cada grupo. O curso comezará o día 2 de marzo e dividirase en dous grupos, o grupo 1 recibirá as clases os martes e xoves de 19:30 horas a 21:00 horas e o grupo 2 os luns e mércores tamén de 19:30 horas a 21:00 horas. As clases impartiranse na Axencia de Colocación.

Os obxectivos deste cursos son complementar o currículo dos veciños e veciñas de Mos ampliando as posibilidades laborais, perfeccionar os coñecementos do  inglés nos mosenses, ofertar á xente de Mos a posibilidade de perfeccionar o inglés preto do seu domicilio e sen ter que ir a municipios colindantes, e axudar a aquelas persoas que queiran preparar calquera proba para a obtención dun título oficial.

Os/As beneficiarios/as directos/as deste programa serán  tódolos/as mosenses interesados/as na aprendizaxe do idioma maiores de 16 anos. Indirectamente os mozos e mozas doutros municipios que estean interesados nesta programación. Teñen preferencia as persoas empadroadas no Concello de Mos. Establécese un mínimo de 8 persoas por grupo e un máximo de 15.

O prazo de inscrición na actividade será dende o 5 ó 26 de febreiro. Os interesados en inscribirse deberán presentar a solicitude cuberta e asinada xuntando fotocopia do DNI. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. A publicación da lista de admitidos realizarase o venres 27 de febreiro. O curso suspenderase de non acadarse o número mínimo 8 participantes.

Dado que os grupos formaranse coa finalidade de preparar o examen First e/ou B2, as persoas inscritas terán a posibilidade de facer unha proba de nivel gratuíta o martes 24 de febreiro ás 19:30 horas, para comprobar si acadan o nivel esixido. Nesta proba a profesora lles pasará un pequeno test e tras finalizar lles indicará as posibilidades reais de superar a proba oficial. O resultado deste test sería informativo, non excluínte. É dicir, se alguén que non supera este test quere anotarse ó curso, poderao facer igualmente (pois pode haber xente que non estea interesada en presentarse ás probas oficiais). A actividade será levada a cabo por unha monitora Licenciada en Filoloxía Inglesa.

27 de xaneiro de 2015 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.