publicidade hoxe

Cultura eleva a 365.000 euros o orzamento destinado á recuperación de pontes históricas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración. Foto: C. Paz

Sinatura do convenio de colaboración. Foto: C. Paz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e máis o alcalde da Lama, Jorge Canda, asinaron hoxe o convenio para reparación da Ponte Liñares, en Xesta. Segundo dito acordo, o Concello comprométese a poñer a disposición os terreos e os inmobles necesarios para poder levar a cabo as obras de consolidación do estribo dereito desta ponte histórica. Ademais, unha vez rematadas as obras, asumirá a xestión, mantemento e conservación do ben.

Trátase dunhas obras que supoñen un investimento de case 30.000 euros que están cofinanciadas nun 80 por cento polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. A recuperación desta estrutura súmase á de outras 5 pontes nas que a Consellería ten xa en licitación proxectos de recuperación que supoñen un investimento total de 365.000 euros nas pontes de Couso (Avión), Éntoma (O Barco de Valdeorras), da Portela (Vilamartín de Valdeorras), da Fillaboa (Salvaterra de Miño) e do Demo (Silleda e Vila de Cruces). A Consellería prevé ter adxudicadas estas obras en febreiro.

A Ponte Liñares forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia así como do Inventario de Pontes Históricas de Galicia. Unha importante crecida do río no ano 2011 arrasou un bolo granítico pegado ao paramento do estribo dereito que lle servía de protección natural fronte as turbulencias que xeraban as crecidas, o que afectou á súa estabilidade. Por tal motivo é necesario executar unha serie de obras co fin de frear o seu deterioro ao tempo que garantir a súa conservación. Para iso, desbrozarase e limparase o ámbito de actuación, construiranse dous muros ancorados á roca natural para reforzar a parte baixa do estribo e farase un recheo de cal puzolánica tras o paramento augas abaixo.

Este acordo enmárcase dentro dos obxectivos da Consellería de Cultura e Educación en materia de protección, conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Galicia.

Outras actuacións

Ademais desta na Lama, a Consellería ten xa en licitación actuacións en outras dúas pontes na provincia de Pontevedra. Así na Ponte de Fillaboa, no concello de Salvaterra, a Consellería investirá algo máis de 112.000 euros en obras de consolidación e restauración. Para iso, como se recolle no proxecto elaborado para tal fin, procederase a consolidar e recalzar a cimentación da pila número 2. A actuación inclúe tamén a reparación do tallamar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante. Na Ponte do Demo, en Carboeiro, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces, a Consellería investirá case 55.000 euros co obxectivo fundamental de repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar a súa estabilidade. A estes efectos encargouse un proxecto de restauración do tímpano e muro de encanamento da ponte. A actuación a desenvolver pasa por repoñer os elementos de fábrica perdidos, construíndoos de xeito máis sólido. A tipoloxía da nova fábrica a empregar será similar á orixinal da ponte, aínda que se diferenciará pola cor, textura e aparello perseguindo a integración estética.

Na provincia de Ourense son 3 as intervencións en licitación. Así, a Consellería ten previsto destinar 79.225 euros á restauración e recuperación da Ponte de Couso (Avión) a través de actuacións de reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río. No caso da Ponte de Éntoma, no Barco de Valdeorras, o investimento será duns 72.400 euros, cos que se realizarán os pertinentes traballos de roza e limpeza de vexetación que dana a fábrica da ponte, así como o retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da cachotaría, a execución de novos peitorís en mampostería de lousa. Así mesmo, demoleranse os pavimentos de formigón existentes e realizaranse uns novos de esquisto de catou ou chapacuña.

Por último, en Vilamartín de Valdeorras a Consellería procederá a rehabilitar a Ponte da Portela, á que se destinarán 20.300 euros. O obxecto destas obras é repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso e mellorar as condicións de acceso viario. Para iso desenvolveranse labores, fundamentalmente, de roza, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Ademais construirase unha protección para o estribo cun muro de escolleira e reconstruiranse os peitorís.

Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica.

27 de xaneiro de 2015 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.