Cubertas as prazas para participar nas rutas para coñecer a riqueza natural do ámbito da Torre de Hércules

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña destaca o interese que ten entre os cidadáns a nova iniciativa Roteiros pola Torre, que en pouco días cubriu todas as prazas que había dispoñibles ata o mes de maio. A primeira ruta deste proxecto, desenvolvido a través da área de Medio que dirixe Enrique Salvador coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, será o próximo domingo, 25 de xaneiro.

O obxectivo principal é achegar aos cidadáns e visitantes da Coruña os valores naturais do ámbito da Torre de Hércules.

A actividade Roteiros pola Torre xa logrou cubrir as rutas programadas ata o mes de maio (150 prazas), pero os interesados en participar aínda poden asistir ás que se programan para o resto do ano. Os talleres desenvolveranse o último domingo de cada mes pola mañá en dúas quendas: un ás 10.00 horas e outro ás 12.00 horas. Así, a previsión de datas é a seguinte: 25 de xaneiro, 22 de febreiro, 29 de marzo, 26 de abril, 31 de maio, 28 de xuño, 26 de xullo, 30 de agosto, 27 de setembro, 25 de outubro, 29 de novembro e 27 de decembro; aínda que poderían modificarse en función das condicións meteorolóxicas.

A actividade, que se organiza en grupos reducidos de 15 persoas, é gratuíta e os interesados teñen que inscribirse previamente mandando un correo electrónico a gnhabitat@yahoo.es, indicando o nome, número de participantes, data, horario (xa que haberá dúas quendas) e teléfono de contacto. Poderase consultar toda a información na web do Servizo Municipal de Medio (www.coruna.es/medioambiente). Ademais, editaranse 2.000 trípticos informativos.

A actividade consiste nun traxecto circular a pé que arrancará na base da Torre de Hércules (fronte á Oficina de Turismo) e percorrerá os sendeiros do cabo ata Punta Herminia. No percorrido, que terá unha duración aproximada de dúas horas, os guías explicarán aos asistentes as especies que se poden observar e os valores naturais da zona, ademais de atender as consultas que os participantes desexen formular. En concreto, realizaranse diferentes paradas estratéxicas, cun total aproximado de 8 programadas, onde se instalarán os instrumentos ópticos para a observación das especies de aves que se sitúan máis lonxe da liña de costa. Ao mesmo tempo iranse observando as diferentes especies de fauna e flora presentes no ámbito como anfibios, réptiles, insectos ou plantas.

O obxectivo é o de potenciar unha das zonas da cidade de maior beleza arquitectónica, pero tamén paisaxística da cidade; un observatorio natural de enorme valor ecolóxico e que supón a mellor oportunidade para gozar da natureza, da súa flora e a súa fauna, sen saír da cidade e coñecer a biodiversidade deste espazo coruñés, sumando este atractivo a outros como o paisaxístico ou o cultural. Ademais tamén se pretende:

– Achegar a coruñeses e visitantes os valores naturais presentes no ámbito da Torre de Hércules.

– Espertar na poboación un maior interese pola natureza do seu ámbito, a partir dunha participación activa e de contacto coa paisaxe.

– Combinar valores naturais e riqueza arquitectónica co fin de maximizar o interese polas actividades dirixidas ao público en xeral.

– Mostrar e divulgar a ampla biodiversidade sobre as especies de flora e fauna presentes no ámbito da Torre de Hércules.

Esta iniciativa responde ao compromiso do Goberno municipal co ámbito da Torre de Hércules, no que xa se realizaron distintas actuacións de acondicionamento como nas senllas peonís, unha vella demanda veciñal e de infinidade de usuarios que, ao longo de todo o ano, practican neste espazo todo tipo de actividades lúdicas e deportivas.

19 de xaneiro de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.