Costa Rica será o país convidado en Xantar 2015
Costa Rica será o país invitado en Xantar 2015, o Salón Internacional de Turismo gastronómico que se celebrará en Expourense do 4 ao 8 de marzo. Participarán para promoverse como “destino gastronómico único, diferenciable, amigable e sostible”, algo que coincide cun dos principais obxectivos da próxima edición de Xantar.
A participación de Costa Rica como país invitado en Xantar 2015 materialízase a través do impulso da empresa de auga mineral “X-PINNER WATER” que conseguiu a colaboración para participar neste evento da Cámara Costarriqueña de Restaurantes e Afíns (CACORE), a principal asociación empresarial do sector do país con máis de 350 asociados. Esta entidade está apoiada polo Instituto Costarriqueño de Turismo (ICT), xa que ambos os dous traballan na execución do Plan Nacional de Gastronomía Sostible e Saudable.
Costa Rica estará presente en todas as accións previstas para esta 16ª edición de Xantar promovendo a súa gastronomía, turismo e produtos agroalimentarios. Contará cun restaurante propio dentro do salón que estará liderado polo prestixioso xefe de cociña, Luis Guillermo Castro Pérez, natural deste país. É Xefe de cociña Instrutor Certificado pola Asociación Mundial de Xefes de cociña, dirixiu, adestrou ou auditou a máis de 50 restaurantes no Caribe, Centro e Sur América.
A empresa responsable “X-PINNER”, auga mineral Premium xurdida das montañas costarriqueñas, viu en Xantar unha boa oportunidade para introducir o seu produto no mercado ibérico. Este auga, que destaca por gran calidade e pureza, está concibida para “deportes extremos” e poderase degustar no salón.
Costa Rica únese así á lista de países invitados en Xantar reforzando o carácter internacional do salón e a súa vinculación con América Latina. Antes de Costa Rica, participaron como convidados Cuba, Perú, Francia, Arxentina, Portugal (e Illas Azores) e México.
Costa Rica
A gastronomía pertence a lista de atractivos utilizados polo Instituto Costarriqueño de Turismo (ICT) para fomentar a visita de turistas ao país e é un dos piares da súa Marca País “Esencial Costa Rica” que, ademais de estar enfocada na riqueza natural e a sostibilidade, engloba outros conceptos como a música, a artesanía ou a danza.
Costa Rica é o primeiro exportador mundial de piña, e ocupa os primeiros postos na exportación de banana, iuca ou melón e cada vez adquiren maior fama os seus cafés e licores. A cociña deste país é xeralmente bastante saudable e equilibrada, con carnes e vexetais frescos, herbas e especias. O arroz e os feixóns constitúen os ingredientes básicos en case toda a cociña costarriqueña e a comida non adoita ser picante como a doutras gastronomías veciñas. Os pratos xeralmente inclúen o leite de coco e especias como o xenxibre e o curry.
Unha comida típica é o “Casado”, que consiste de arroz e feixóns, carne ou peixe, plátanos fritos e ensalada de repolo e tomate. Outro prato tradicional é a “Pota de carne”, un delicioso cocido preparado con carne, papas, cenorias, chaiote, plátanos e iuca. A sopa negra é unha sopa sinxela feita con feixóns negros. A sopa de mondongo é un opíparo prato preparado con calos e vexetais. O “patí” é un pasteliño picante de carne que se asemella a unha empanada. O “rondón” é unha sopa de peixe con plátanos, froita de pan, pementos e especias.











