Coro Piñeiro visita o centro residencial de atención a persoas con dependencia de Vigo

Coro Piñeiro na visita ao centro
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe as instalacións do complexo residencial de atención a persoas con dependencia de Vigo, de máis de 400 prazas, e mantivo un encontro co director, cos traballadores e cos propios usuarios, a fin de pulsar a realidade do centro cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego, tal e como reflicten os orzamentos de 2015 da Xunta que destinan case 300 millóns de euros á atención á dependencia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.
O esforzo realizado pola Xunta na atención aos dependentes reflíctese tamén na evolución do reparto da financiación do SAAD. Así, en 2013 o 78,9% das aportacións ao sistema fíxoas o Goberno galego fronte ao 21,1% de aportacións do Estado, que foi diminuíndo a súa contribución desde o ano 2009.











