publicidade hoxe

Cores Tourís visita unha nova explotación de vacún ecolóxico en Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á explotación

Cores Tourís na visita á explotación

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cotobade para coñecer a explotación de vacún ecolóxico na parroquia de Viascón grazas as axudas do IGAPE aos proxectos de investimento empresarial cofinanciados con fondos FEDER.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e o dono da explotación, Roberto Louzán.

Cores Tourís puido coñecer esta explotación que inicialmente foi posta en marcha pola comunidade de montes de Viascón e que se dedica á cría de vacún ecolóxico, tendo o seu propietario outra explotación de método tradicional con 40 cabezas de gando.

Tal e como explicou Roberto Louzán a Cores Tourís, o obxectivo da subvención que recibiu por parte de Medio Rural e do Mar e que ascendeu a case 42.500 euros e permitiulle levar a cabo un peche de 5,5 quilómetros ademais de comprar 15 cabezas de gando, todos eles de raza autóctona. En total, a finca conta con 36 cabezas de gando ecolóxico (raza autóctona, tanto freiresa como candelá) que se atopan distribuídas a través dunha explotación de 60 hectáreas. O mozo emprendedor conta tamén con 8 hectáreas de fincas propias para forraxe entre Viascón e Carballedo onde pretende por en marcha un plan de pastizales.

Louzán recordou que “hai unha enorme diferenza entre a carne ecolóxica e a tradicional, xa que a alimentación é moi distinta, tomando forraxe natural e cereal natural”. De feito, a explotación recibe unha auditoría cada 6 ou 8 meses na que se analiza a auga, a terra, o penso e a herba que toman as vacas, “o que garante a máxima calidade”.

“Pese a que o custo de producir este tipo de carne sexa maior e que a produción sexa, á vez menor, os prezos non se compensan”, explicou o gandeiro. “De feito, nós podemos ter tenreiros cada seis meses no que es vacún tradicional mentres que no ecolóxico os temos cada nove. Ademais, o prezo do quilo de carne ecolóxico é de 46 céntimos o quilo, mentres o tradicional é de 33 céntimos, eso fai que sexa pouco rendible. Temos que lograr aumentar o consumo para que poidamos vender a mellor prezo”.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, puxo esta iniciativa como exemplo dos novos emprendedores que apostan polo medio rural. Recordou que as subvencións as que se acolleu esta nova explotación teñen por obxectivo “fomentar a modernización e ampliación das instalacións agrogandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural”

“Sinto unha enorme satisfacción ao atoparme xente como Roberto Louzán, que aposta polo futuro do rural e polo sector agrogandeiro. Este tipo de iniciativas contan con todo o apoio por parte da Xunta de Galicia, porque, sen dúbida, o noso futuro é a agricultura ecolóxica. A nosa comunidade autónoma ten que competir en calidade, xa que non temos as grandes extensións de produción de outras zonas de España”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial recordou así que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou 1,5 millóns de euros na provincia de Pontevedra para á incorporación de mozos á actividade agraria e para plans de mellora de explotacións, que se distribuíron entre 30 mozos e 11 explotacións, repectivamente.

Así o destacou hoxe Cores Tourís, que indicou que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo deste xeito “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

O delegado fixo fincapé “no importante esforzo e no compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística”.

15 de xaneiro de 2015 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.