Cores Tourís visita Destilerías do Salnés tras acometer o proceso de modernización da súa produción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRibadumia
A-
A+
Cores Tourís na visita ás instalacións de Destilerías do Salnés

Cores Tourís na visita ás instalacións de Destilerías do Salnés

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Destilerías del Salnés, situada en el polígono industrial de O Salnés, en compañía da alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, e que contou cunha axuda da Xunta a través do GDR O Salnés mediante a cal puido investir 130.000 euros na adquisición de maquinaria para ampliación de negocio.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado tamén polo presidente do Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo, o xerente-propietario de Destilerías Salnés, Jesús Candamio Folgar e polo equipo técnico do GDR Salnés.

Cores Tourís puido comprobar así o investimento realizado nesta nave de Ribadumia, na que se investiron 130.000 euros dos cales 41.275 foron aportados a través do programa Leader O Salnés 2007-2015. Deste xeito, levouse a cabo a instalación dunha columna desmetilizadora que permite a redución do compoñente metílico das Agardentes de Oruxo de uva albariña. A máquina conta cunha capacidade de 1.250 litros cada 24 horas. “Deste xeito, intentamos aproveitar mellor os oruxos albariños e mellorar a comercialización dos produtos da empresa, adaptando os licores tradicionais á normativa sanitaria vixente”, explicou o xerente da firma.

De feito, segundo Candamio, debido as novas técnicas de vinificación para extracción de aromas, como o uso de encimas ou aproveitamento e filtrado de lías, nos últimos anos o contido metílico incrementouse nas augardentes destiladas dos oruxos de uva albariña, “polo que se fai necesario rebaixar o contido en metílico destes licores”.

Tal e como matizou Jesús Candamio, a empresa conta cunha nave de 1.000 metros cadrados nunha parcela de 2.000. Comezou a funcionar no ano 1943 como Destilería Candamio en Betanzos, e en 1973 pasou a ser xestionada polo pai do actual xerente, que tomou a man desta firma en 2004. “No ano 1998 decidimos instalarnos no Salnés pola importante actividade vitivinícola da zona, constituíndose Destilería do Salnés, onde únicamente realizamos a destilación, mentres a empresa de Betanzos elabora, embotella e comercializa”, engadiu Candamio.

A firma conta cunha marca propia, denominada “A Epenuca”. Tamén conta con outra marca, “Lenda Galega”, en colaboración coa distribuidora GADISA. Recibe 1,2 millóns de quilos de bagazo co que elabora 200.000 litros de augardente. “A maiores tamén destilamos para importantes adegas da DO Rías Baixas e outras denominacións de orixe”, engadiu o xerente da empresa, quen destacou que a maiores elaboran licor de mel, licor de guindas, “aínda que estas non están incluídas na denominación de orixe deste produto”.

Destilerías del Salnés elabora todas las variedades de augardentes recollidos na IXP Orujo de Galicia, “de feito”, explicou Jesús Candamio, “eu formo parte como vocal do Consello Regulador de Augardentes e licores tradicionais de Galicia”.

Máis de 100 solicitudes de axudas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita a esta empresa para destacar os 2,2 millóns de euros destinados a través do programa Leader O Salnés xestionado polo GDR Salnés, destinados a máis dun centenar de solicitudes que supuxeron un investimento global de 4,1 millóns de euros. Estes proxectos supuxeron a creación e mantemento de 95 postos de traballo que se manterán durante 5 anos segundo a normativa do programa.

O GDR Salnés xestionou dende 2007 cun total de case 5 millóns de euros fondos para os anos 2014-15. Na presente anualidade, o GDR está a valorar os novos expedientes, tanto produtivos como non produtivos, que ascenden a un total de 1,1 millón de euros, quedando a data de hoxe orzamento, “polo que animamos a aqueles que conten cunha iniciativa nova ou que queran poñer o seu gran de area no desenvolvemento rural da comarca a que se informen nas nosas oficinas”, engadiron.

A nivel provincial, o programa Leader permitiu desenvolver nesta provincia a través dos GDRs 305 proxectos cun investimento global de 32,7 millóns de euros.

O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

Para asegurar esa participación creáronse os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. Os proxectos soen ser de natureza produtiva, orientados a xeración de emprego e riqueza, ou non produtivos, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.

Axudas produtos calidade diferenciada

Finalmente, o delegado territorial destacou durante a súa visita a esta empresa que a Consellería de Medio Rural acaba de publicar as axudas para produtos de calidade diferenciada, como é o caso do augardente.

“En total, destinaranse a este fin 1,7 millóns de euros”, explicou Cores Tourís, destacando que os beneficiados serán os consellos reguladores que participen no Programa Calidade Diferenciada dos Alimentos, así coma entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores implicados nalgún programa de Calidade Diferenciada dos Alimentos”.

22 de xaneiro de 2015 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.