Cores Tourís visita as instalacións da empresa de granitos Eurockp de Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraTui
A-
A+
Cores Tourís na visita a Eurockp de Tui

Cores Tourís na visita a Eurockp de Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Eurockp de Tui para coñecer as súas instalacións onde se va a levar a cabo un investimento de cerca de 1,5 millóns de euros para a instalación dun novo sistema de corte da pedra.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo xerente da firma, Luis Corrales e a directora financeira, Alba Novoa.

O delegado territorial destacou as diferentes axudas coas que a Xunta, a través das consellerías de Economía e Industria e de Medio Ambiente, colaborou con esta empresa co obxectivo de mellorar a súa produción e tamén a calidade do produto, “de cara a potenciar a súa exportación”.

Deste xeito, segundo apuntou Cores Tourís, para a posta en marcha deste novo proxecto de corte e pulido de granito, a empresa tudense obtivo axudas tanto do IGAPE como do INEGA para a súa posta en marcha. En concreto, por parte do IGAPE foron destinadas a Eurockp cerca de 70.000 euros, mentres que o INEGA aprobou unha axuda de 187.000 euros, “aínda que solicitamos á Xunta unha ampliación do prazo de xustificación desta última aportación, xa que non conseguimos que a maquinaria chegase a tempo para a súa xustificación en 2014. Agardamos que poidamos conseguir esa moratoria e contar con esta axuda”, explicou, pola súa banda Luis Corrales.

O obxectivo destes traballos é a posta en marcha dun novo sistema que permite o corte do granito a través de fío de diamante, “un tipo de traballo que, ata o de agora, ningún executou no noso entorno”.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta recordou que a administración autonómica está a deseñar a estratexia de internacionalización 2020 “que prevé incrementar as exportacións galegas en máis dun 25% ata superar os 23.000 millóns en tódolos sectores”.

Cores Tourís recordou que a meta que persegue a Xunta de Galicia con este plan é que as exportacións galegas acaden o 40% do PIB no ano 2020. “O ano pasado, as exportacións galegas continuaron a acadar récords históricos”, explicou o delegado territorial, “polo que dende a administración autonómica continuaremos a traballar cos diferentes axentes económicos de Galicia, co obxectivo de consolidar o traballo realizado ata o de agora, facendo dos mercados exteriores un motor de crecemento e baseándonos en cinco eixos de actuación: o fomento da cultural da internacionalización; o incremento da presenza en mercados internacionais; a atracción de investimentos; a consolidación da marca ‘Galicia Calidade e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras”.

Outros proxectos de innovación

Eurockp é unha empresa de capital maioritariamente suízo, fundada en 1995 e especializada na transformación e comercialización de granito natural, serrado e corte a medida, que conta con 57 traballadores e unha facturación anual duns 13 millóns de euros.
“Contamos co coñecemento, dedicación e experiencia dun gran equipo humano, así como coas instalacións e medios tecnolóxicos máis avanzados, o que nos permite acadar o máximo nivel de exixencia que nos solicitan os nosos clientes”, explicou Luis Corrales.
A compañía conta cunha clara vocación exportadora e presenza nos cinco continentes. “Somos líderes na fabricación de taboleiro de granito”, engadiu o xerente da firma. Elabora principalmente taboleiro de granito, pero tamén aplicacións interiores como encimeras, baños ou chans, e exteriores, como fachadas ou pavimentos.

A súa ubicación en Tui é “excepcional” xa que é un enclave estratéxico preto das principais canteiras de granito español e portugués e a tan só 25 quilómetros do porto de Vigo. “Somos un referente para a industria granitera, non só polo nosa gran capacidade para a estiba de bloques de granito procedentes de tódolos países, senón tamén pola nosa elevada versatilidade e competitividade para a carga de contedores”.

Na actualidade produce 650.000 metros cadrados ao ano de serrado, “que é onde iniciamos o noso proceso produtivo. Nestas instalacións recibimos e efectuamos o primeiro control de calidade dos bloques procedentes de canteiras de diversas partes do mundo, combinando a máis avanzada tecnoloxía coa ampla experiencia do noso persoal”, engadiu Corrales.

Eurockp ofrece diversos acabados de superficie e conta con modernas liñas de pulido de fabricación italiana, “obtendo así os mellores acabados”.

13 de xaneiro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.