publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa as obras do plan marco no camiño de Camanceiros a Fontilleiro en Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, supervisou esta mañá, en compaña do alcalde da localidade, Jesús Otero, o remate das obras de mellora do camiño rural entre Camanceiras e Fontilleiro no concello de Vila de Cruces executadas a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.

A obra executada o ano pasado permitiu mellorar a capa de rodaxe do camiño que enlaza Camanceiros-Fontilleiro, por un importe de 75.500 euros, cunha aportación da Consellería de Medio Rural a través do Plan Marco de 62.351 euros. Os traballos executáronse ao longo de case un quilómetro en dous tramos. No primeiro, levouse a cabo unha limpeza de gabias, aplicación dunha base de zahorra e de macadam e tratamento asfáltico semiprofundo das zonas ensanchadas, así como a regularización da capa de rodaxe con aglomerado en quente. No segundo tramo, ampliouse unha obra de fábrica mediante a prolongación dos canos de formigón existentes e construíuse un muro de formigón armado. Tamén se aplicou aglomerado en quente, pavimentáronse sobreanchos, entronques e entradas ás vivendas.

“Sería interesante explicar que, no caso da comarca do Deza, investíronse ao longo do 2014 un total de 325.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra investíronse o ano pasado para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

Para o exercicio 2014-15, o concello de Vila de Cruces contará con case 132.000 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.

As obras consistiran na mellora do firme de tres pistas municipais: A Penela en Oirós, de Asorei e a pista de acceso aos Baños de A Brea, na parroquia de Merza.

No caso do camiño de A Penela, a mellora da capa de rodaxe levarase a cabo entre Oirós e a estrada EP-6411, nun tramo de 300 metros, na que será necesario instalar un novo rego e repoñer a base do firme que se levantou debido as intensas choivas, reforzándose a pista na zona do Rego de Oirós coa realización dunha cuneta de formigón para evitar posteriores deterioros do camiño. Tamén se levará a cabo a mellora da capa de aglomerado dun sobreancho onde se sitúa un aparcamento do local social e o campo da festa.

Na segunda pista mellorarase un tramo que une o lugar de Oirós co lugar de Asorei. Neste camiño levarase a cabo a mellora da capa de rego asfáltico un tramo de 700 metros que se atopa moi deteriorado.

Finalmente, melloraranse tamén os tramos en mal estado do camiño que une o Balneario da Brea coa estrada que enlazan as parroquias de Merza con Fontao, executándose melloras nun total de 600 metros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Vila de Cruces para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso concreto do concello de Vila de Cruces, o investimento superou xa os 650.000 euros en obras como a mellora da infraestrutura viaira de Cumeiro a estrada de Pampín, a reforma de varios accesos a explotacións de vacún en Combarro e Río Cobo, ou a mellora do camiño de Ponte dos Cabalos.

Transformación e comercialización de produtos agrarios

Tamén recordou Cores Tourís, a publicación no DOG, no día de hoxe da convocatoria das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural para o exercicio orzamentario de 2015.

En total, destinaranse 8.654.000 euros en toda Galicia como medida de apoio ao desenvolvemento das instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, “xa que son necesarias para dar acceso aos mercados ás producións das explotacións agrarias e forestais e fomentan, ademais, a creación e mantemento de postos de traballo, sendo un elemento fundamental para o desenvolvemento e promoción das zonas rurais de Galicia”, rematou o delegado territorial, quen recordou que esta orde de axudas ten coma prazo un mes para presentar as solicitudes. O ano pasado, na provincia de Pontevedra investíronse 5,3 millóns de euros a través de 40 proxectos que recibiron un total de 2,3 millóns de subvención.

O delegado territorial recordou que serán subvencionables os gastos de construción, adquisición e mellora de bens inmobles, compra de maquinaria e equipamentos novos e gastos vinculados a proxecto e dirección de obra. As axudas poderán ter un portentaxe máxima de axuda de ata o 50% no caso de microempresas, pequenas e medianas empresas, e de ata o 25% en caso de empresas intermedias.

15 de xaneiro de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.