Cores Tourís presenta a nova liña de axudas para a rehabilitación e dinamización das prazas de abastos

Cores Tourís na presentación da liña de axudas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou esta mañá en Vilagarcía de Arousa, en compaña do alcalde da localidade, Tomás Fole, a nova convocatoria de subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, que hoxe publica o DOG e que conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros.
Na rolda de prensa tamén estivo presente o xefe territorial de Economía e Industria de Pontevedra, Ignacio Rial.
O delegado territorial destacou o feito de dar a coñecer esta liña de axudas en Vilagarcía, “unha vila que xa contou con recentes investimentos para a mellora da súa praza de abastos e que continuará a destinar fondos para a mellora deste mercado municipal que é un importante motor económico para este municipio e incluso para a comarca”.
Poderanse acoller a estas axudas os concellos de ata 70.000 habitantes co obxectivo de reparar, modernizar e remodelar a estrutura física e as instalacións de uso comunitario. Tamén para a suprimir barreiras arquitectónicas, mellorar o consumo de recursos enerxéticos, adquirir e instalar sistemas que posibiliten a reciclaxe e a eliminación de residuos, e a posta en marcha de accións encamiñadas á promoción e mellora da calidade e imaxe deste formato comercial.
Segundo expuxo o delegado territorial, a porcentaxe subvencionable acadará o 70%, cun máximo de 150.000 euros. Ademais, estes investimentos requirirá a inclusión dun proxecto de mentoring comercial, para a formación dos comerciantes de cara a conseguir o aumento da rendibilidade do punto de venta con técnicas de “visual merchandising”, cunha subvención máxima de 1.800 euros.
A maiores tamén se poderán solicitar axudas para investimentos en peonización ou semipeonización de prazas, rúas e prazas peonís comerciais contiguas á contorna inmediata do edificio de abastos, “que poderán incluír amoblamento urbano, sinalizacións, rotulación comercial e aqueles complementos que estimulen e impulsen a actividade comercial”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que a porcentaxe subvencionable acadará o 70% do investimento, “cun máximo de 80.000 euros que será incompatible coa anterior axuda”.
A orde tamén acolle axudas para a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, dirixidas á atracción de novos consumidores e para a promoción de ventas, cun máximo de 3.000 euros e que serán subvencionables ao 70%. “Finalmente, tamén seubvecnionará coa mesma cantidade e ata un máximo de 30.000 euros, investimentos para a adecuación físcia ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica en concellos de ata 20.000 habitantes”, asegurou o delegado territorial.
“O ano pasado”, tal e como engadiu Cores Tourís, “a Xunta impulsou actuacións por un total de 5,5 millóns de euros en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e o comercio de proximidade en 73 concellos para o que se facilitaron 3,8 millóns de euros”. En relación á provincia de Pontevedra, concedéronse axudas para 29 iniciativas, para as cales a Xunta puxo a disposición case 2 millóns de euros para un investimento total de 2,8 millóns.
“No caso de Vilagarcía”, puntualizou o delegado territorial, “o investimento foi de 120.000 euros dos cales a Xunta aportou 90.000 euros”.
Outros concellos que se acolleron o ano pasado a esta orde na comarca de Arousa foron Meaño, A Illa, O Grove, Cambados e Sanxenxo. Na provincia tamén puideron levar a cabo obras de mellora en prazas de abastos Ponte Caldelas, Ponteareas, As Neves, Arbo, Vila de Cruces, Marín, Lalín, Tui, Tomiño, Bueu, Pontevedra, Baiona, Salceda, Porriño, Vigo, Cangas, Fornelos, Gondomar e A Cañiza.
Axudas ás asociacións de comerciantes
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a rolda de prensa para recordar que a administración autonómica tamén acaba de facer pública unha nova convocatoria do programa de axudas ás asociacións de comerciantes para o impulso dos CCAs e as prazas de abastos.
Cores Tourís subliñou a oportunidade que supoñen os 2,2 millóns aprobados pola Xunta para consolidar os CCA e os mercados como eixos da competitividade do sector e motores económicos dos seus ámbitos urbanos. “As asociacións de comerciantes poderán obter apoios para campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos”, explicou o delegado territorial.
O obxectivo é superar as cifras da convocatoria de 2014, na cal obtiveron apoios un total de 52 centros comerciais abertos e 22 asociacións de prazas, o que redundou no beneficio de máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nelas, e na posta en marcha de máis de 500 actuacións, entre as que se atopan campañas de Nadal ou rebaixas, noites en branco ou sistemas de desconto para clientes en aparcadoiros.
As axudas, que poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir da súa publicación, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.
“O ano pasado, esta orde contou con 1,9 millóns para toda Galicia obtivendo apoios un total de 52 centros comerciais abertos e 22 asociacións de praceiros, dos cales 25 CCA foron da provincia de Pontevedra, obtivendo 822.800 euros en axudas, así como 18 asociacións con 147.000 euros”.
Neste senso, a CCA Zona Aberta de Vilagarcía recibiu 40.000 euros, mentras que as asociacións de comerciantes de la praza de abastos e da rúa Alexandre Bóveda 1.500 euros.
Entre os criterios de valoración para acceder aos apoios, prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, prevalecen as actuacións que sexan máis innovadoras, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.
O impulso ao asociacionismo comercial, ao cal a Consellería de Economía e Industria destinou máis de 3 millóns de euros este ano en apoios a centros comerciais abertos e prazas de abastos, federacións e asociacións de comerciantes, é unha das liñas principais de apoio ao sector do Goberno galego.
Neste eido estase a desenvolver tamén a campaña de dinamización Centros comerciais abertos. Máis que comercio!, coa que a Consellería de Economía e Industria busca reforzar o comercio de proximidade e impulsar as vendas, ao tempo que se resalta o traballo dos centros comerciais abertos. Esta iniciativa, que se desenvolve cada mes en 5 CCA diferentes, premia a confianza dos clientes que escollan ao seu establecemento favorito.











