Cores Tourís comprobou as obras realizadas en Ribadumia cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRibadumia
A-
A+
Cores Tourís na visita a Ribadumia

Cores Tourís na visita a Ribadumia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Ribadumia para comprobar as obras executadas polo concello de Ribadumia grazas á subvención da Consellería de Medio Ambiente para Rede Natura e que permitiu poñer en marcha un proxecto de mellora da paisaxe e desenvolvemento de usos recreativos no contorno dos ríos Umia e Armenteira, na zona intermareal do río Umia, na parroquia de Sisán en Ribadumia.

Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Salomé Peña, así como polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executará obras de mellora neste camiño, para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achegará unha axuda global de 19.900 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de Ribadumia aportará o 21% correspondente ao IVE da obra, co que o investimento global roldará os 24.100 euros.

A obra execútase en dúas anualidades, e tras unha primeira fase de mellora da zona e posta en valor do entorno coa instalación de valados que o delimitan posta en marcha en 2014, ao longo deste ano instalaranse paneis informativos sobre a riqueza da zona e os accesos a dúas rutas fluviais, tanto a da Pedra da Auga como a do río Umia, así como a colocación de mesas e papeleiras.

O delegado territorial destacou que estas subvencións veñen a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 30, investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén o IVE que eles asumen”.

Segundo explicou, estas subvencións destináronse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís destacou que dende a Administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.
Pola súa banda, a alcaldesa matizou que concello de Ribadumia xa se viu beneficiado coa anterior orde da Rede Natura grazas a que se investiron 24.220 euros (20.000 de subvención) para a limpeza de pistas, camiños e terreos públicos na zona intermareal do río Umia en Sisán”.

29 de xaneiro de 2015 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.