Cores Tourís comproba os traballos da comunidade de montes de Campañó na loitar contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita aos montes de Campañó

Cores Tourís na visita aos montes de Campañó

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas pola comunidade de montes de Campañó en Pontevedra grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural e do Mar co obxectivo de previr e loitar contra os incendios forestais.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do presidente da comunidade de montes, José María Domínguez Vidal, así como do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

O delegado territorial acercouse ata o lugar onde se instalou este depósito de auga que tivo un custe de 8.150 euros, dos cales o 80% foi aportado pola Xunta de Galicia. A capacidade da instalación é de 60 metros cúbicos.

Ademais, a comunidade de montes trasladou a Cores Tourís que se levan realizados diversos traballos de rareo e eliminación de restos de masas durante os últimos anos, cun investimento que ha roldado os 50.000 euros. O monte de Campañó, no concello de Pontevedra, ten unha superficie de 424 hectáreas, e conta con 19,3 quilómetros de pistas, 4,5 hectáreas de cortalumes 1,35 hectáreas de faixas auxiliares.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a administración autonómica está a traballar para que as comunidades de montes leven a cabo o control selectivo de combustible en devesas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos, “co fin de reducir a carga de combustible presente no mente e crear zonas de descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo a diminuír o risco de propagación de incendios e minimizar os danos causados por estes sinistros”, explicou Cores Tourís. Tamén facilitará que se constrúan puntos de auga.

Para estes dous fins, a Consellería de Medio Rural e Mar destinará dúas liñas de subvencións cun orzamento global de 8 millóns de euros, fronte aos 3,3 millóns cos que se contou en 2014. “A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “a incentivación, por parte da Xunta, na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva, contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poden provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, así como a fauna e o medio ambiente en xeral”.

Como novidade, este ano ábresa a liña de subvención para tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, así como para selección de abrochos en rexenerado de eucalipto e a eliminación de acacias.

Poden acollerse a estas axudas os montes veciñais en man común da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os consorciados coa administración que poderán facelo, eso sí, sobre a superficie non consorciada. A superficie forestal mínima por expediente será de 100 hectáreas.

O ano pasado, investiuse na provincia de Pontevedra un millón de euros en 110 actuacións destinadas a previr e loitar contra o lume, sufragando o 80% a administración autonómica. En total executáronse 17 pozos de auga e actuouse sobre 1.825 hectáreas para tarefas de limpeza e roza.

Durante a visita, o presidente da comunidade de montes, José María Domínguez presentou varias demandas á administración autonómica, como a aceptación dun desconvenio sobre 4 hectáreas da comunidade onde se queren plantar castaños, así como a execución dun cortalumes en Outeiro duns 500 metros de lonxitude “xa que é moi importante para protexer o monte Castrove”. Tamén solicitou que se execute outra pista no medio da ladeira do monte, dende as inmediacións do campo da festa de Riveiro ata O Vao, uns 600 metros, coa mesma finalidade.

José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía. “Aínda que estamos en temporada baixa de risco de incendios, está claro que as imprudencias e a gañas de facer dano tamén existen, polo que pedimos a implicación da cidadanía solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

29 de xaneiro de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.