Convócase un novo concurso para adxudicar os coches da Policía Local nun prazo de 15 días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Como consecuencia dos defectos de forma que presentaban as dúas ofertas existentes, a Xunta local de Goberno declarou hoxe deserto o concurso para a contratación de tres vehículos para a Policía Local que estaba previsto adxudicar onte. O goberno local xa tomou as medidas oportunas para solventar coa máxima celeridade o imprevisto do que o Concello non é responsable. A vindeira semana porase en marcha o procedemento urxente para contratar o subministro dos vehículos que debe resolverse no prazo máximo de 15 días a partir da convocatoria.

Os erros formais producíronse ao incluír os ofertantes no sobre B das especificacións técnicas, unha mellora que tería que ir no C, relativo á oferta económica. A anomalía detectouse xa ao abrir o segundo sobre, polo que a Mesa de Contratación paralizou nese intre o proceso e informou a necesidade de declarar nulo o concurso. Os sobres C xa non chegaron a abrirse en vista dos erros de forma.
Unha vez declarada deserto o concurso, a vindeira semana abrirase o prazo de 7 días para que as empresas volvan a presentar as súas ofertas debidamente corrixidas. O tempo é suficiente posto que as firmas xa teñen coñecemento previo do prego e do punto que deben modificar.

Co obxecto de acurtar os prazos o máximo posible, ademais de convocar o novo concurso pola vía de urxencia, hoxe mesmo remitíanse as invitacións e indicacións ás empresas interesadas, a efectos de que fagan o trámite canto antes. A Mesa de Contratación reunirase o oitavo día para comprobar a documentación e abrir os sobres, e disporán dun total de 7 días para avaliar as propostas, informalas e presentar a proposta de adxudicación á Xunta Local de Goberno. Todo este procedemento non debe superar os 15 días unha vez aberto o prazo de presentación de ofertas.

O goberno local lamentou profundamente a situación, sobre todo despois de que o primeiro concurso quedara deserto por falta de ofertas e de que a renovación do parque móbil da Policía Local tivera que pospoñerse ata o mes de xaneiro de 2015. Non obstante, confían en que este imprevisto só demore uns días máis o subministro dos 3 coches.

A compra farase polo sistema de renting, por un período de 48 meses e o importe con contrato ascende a 129.600 euros que financiará integramente o Concello

9 de xaneiro de 2015 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.