Concello de Santiago e Editorial Kalandraka convocan unha nova edición do Premio Compostela de Álbum ilustrado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Presentación do Premio Compostela de Álbum Ilustrado

Presentación do Premio Compostela de Álbum Ilustrado

A concellaría de Educación do Concello de Santiago e a Editorial Kalandraka convocaron a VIII edición do ‘Premio Internacional Compostela para Álbums ilustrados’, un galardón dotado con 9.000 euros en concepto de adianto de dereitos de autor e coa posibilidade de editar o libro gañador en seis idiomas.

A concelleira de Educación, Maite Cancelo, presentou este martes en rolda de prensa as bases desta nova edición do Premio Compostela, un acto no que estivo acompañada polo director de Kalandraka, Xosé Ballesteros.

A convocatoria está dirixida a autores e ilustradores de calquera nacionalidade, que deben presentar obras orixinais e inéditas escritas nalgunha das linguas oficiais da península ibérica. Os interesados deberán remitir, antes do seis de marzo, cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha, así como unha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos, remitidos ao Concello de Santiago baixo pseudónimo, poderán presentarse en calquera tamaño, técnica ou formato e a súa extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores.

GAÑADOR, EN ABRIL

A obra gañadora darase a coñecer no mes de abril, coincidindo co mes do libro e coa celebración da Campaña Municipal de Animación á Lectura en Santiago.

Ademais da dotación económica, a editorial Kalandraka publicará a final de ano o álbum vencedor en galego, castelán, catalán, euskera e portugués, así como en inglés.

A primeira edición do Premio Compostela contou con 335 traballos participantes e nela resultou gañadora a obra ‘Preto’, de Natalia Colombo. Na última edición, o pasado ano, recibíronse 255 álbums de 21 países e o vencedor foi ‘Ícaro’, de Federico Delicado.

13 de xaneiro de 2015 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.