Concello de Ourense e Ministerio de Fomento poñen a disposición do comercio a renovada Praza de Abastos da Ponte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A ministra de Fomento, Ana Pastor, visitou esta mañá a nosa cidade, e acompañada do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Comercio, Juana Ageitos, percorreron a praza número dous (praza de Abastos da Ponte), cuxas obras de remodelación e mellora foron recentemente recepcionadas polo Ministerio. Dous millóns de euros foron investidos na rehabilitación da praza, froito dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Ourense. A empresa Tragsa executou o proxecto, redactado por Oikos Estudio SLP.

O Concello ultima a próxima convocatoria dun concurso para adxudicar a explotación do conxunto dos postos, nos que xa amosaron interese diversas emprendedores e empresas relacionadas co sector. Así, a veciñanza do barrio da Ponte poderá proximamente desfrutar das novas instalacións da praza, que porán en valor o potencial do mercado municipal, mantendo os seus usos habituais e adaptando as instalacións ás necesidades actuais. Os accesos á praza foron mellorados, suprimindo barreiras arquitectónicas, e as plantas están relacionadas mediante un ascensor. O total da superficie útil do edificio é de 1.308 m2, dos 1.633 m2 de superficie construída.

Descripción do proxecto

Tralas obras executadas, a praza de Abastos da Ponte contará cos seguintes servizos:

Primeira Planta (sala de exposicións, sala de usos múltiples, biblioteca, biblioteca infantil e patio): optimizouse a superficie dispoñible, ocupando parte do patio e facilitando o acceso. Dividiranse a biblioteca e as dependencias da asociación de veciños. As distintas áreas circundan o patio para nenos e nenas, ao que se accederá a través da biblioteca infantil.

Entreplanta: conexión entre a planta baixa e a planta primeira, solucionando o acceso principal á primeira planta.

Planta baixa (mercado e área de degustación): Estructúrase o espazo cunha dotación de postos de venda de produto fresco, con servizos que revitalizan o espazo. Créase un espazo que será aproveitado como área de degustación.

Semisoto: aseos, limpeza e outras instalacións -electricidade, comunicacións, etc.-, con acceso directo dende a rúa Mercado.

Fachadas: restitúense os ocos orixinais, con carpintería de madeira. A alzada ao parque modifícase na parte central, eliminando a cuberta do patio e a escaleira de acceso. Resólvese cun peche de vidro sobre carpintería metálica na parte superior, resaltando a tipoloxía orixinal de planta en U. No referido á carpintería de aluminio, se transformará a madeira de castaño.

19 de xaneiro de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.