Comezan os traballos do proxecto de reurbanización da rúa Colón nos que se investirán 230.000 euros
Veñen de comezar esta semana os traballos para reurbanizar a rúa Colón da capital municipal coa colocación da sinalización horizontal e vertical que reflicte os cambios na circulación que suporán as obras. Así, a rúa Cervantes (na imaxe) pasará a ser de dobre sentido, de tal forma que os vehículos que veñan dende a rúa Valle Inclán poderán subir pola marxe da vía que está pegada ás vivendas en dirección Gran Vía. Dende a Gran Vía en dirección á rúa Colón, que permanecerá pechada ao tráfico mentres duren os traballos, tan só poderán baixar os vehículos da empresa responsable das obras ou os provedores do Mercado Municipal. O Alcalde, Evencio Ferrero, asinou con Construcciones Ramón Vázquez y Reino o contrato para a realización das obras a primeiros do pasado mes de decembro, mais no seu momento decidiuse que os traballos non comezasen ata despois das datas de Nadal para facilitar o labor comercial propio da época. A actuación foi adxudicada por un importe de 233.046 euros, IVE incluído.
Esta proposta, incluída no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, afonda no proxecto de humanización e mellora da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. A actuación implica a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía, e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado, ademais de que os vehículos poderán circular do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. O prazo de execución é de catro meses.











