Comezan novas sesións de capacitación tecnolóxica para micropemes e autónomos nos CPAE 2.0 da Deputación de Pontevedra
Tras as festas de Nadal a Deputación de Pontevedra pon en marcha novos obradoiros de capacitación tecnolóxica no uso das novas tecnoloxías e a adopción das tecnoloxías da información, un dos servizos máis demandados dos que presta o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0. A partir desta semana realizaranse 42 obradoiros nas aulas de actividades anexas ós despachos de asesoramento, en cada un dous seis puntos CPAE 2.0 nos que se atenden as micropemes e autónomos sen ningún custo, ofrecendo un asesoramento TIC especializado, individualizado e continuado. Estes puntos CPAE 2.0, situados en Lalín, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo, son atendidos por asesores TIC especializados e están coordinados pola oficina de Pontevedra, a onde se derivan as consultas máis complexas e se xeran todos os contidos. Ademais do servizo de capacitación tecnolóxica a Deputación ofrece outros cinco máis: o de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC; o de titorización na incorporación das novas tecnoloxías, a demostración de produtos e solucións TIC, o acompañamento para o uso do comercio electrónico e o de procura de axudas e subvencións no ámbito tecnolóxico.
Nestes novos obradoiros do mes de xaneiro destacan os relativos á factura electrónica, que se desenvolverán en todos os puntos CPAE 2.0 e nos que se lles facilitarán a pequenas empresas e autónomos ferramentas para a facturación electrónica, o que lles permitirá aforrar custes e ser máis eficientes. Tamén se facilitará o proceso para que sexan capaces de facturarlles electronicamente ás administracións públicas, requisito obrigatorio a partir do vindeiro 15 de xaneiro.
Ademais, haberá obradoiros nos que se falará, dunha forma práctica, sobre márketing en liña para favorecer o aumento das vendas, de aplicacións empresariais esenciais para pemes e profesionais autónomos, redes sociais para a venda e a atención ós clientes, presenza en liña, recomendación e manexo de aplicacións básicas (correo electrónico e outras); uso eficiente de Google, Google Apps for Work, recursos e ferramentas para os negocios, almacenamento na nube, comercio electrónico para micropemes e aplicacións móbiles para as micropemes, entre outros.
No mes de xaneiro haberá tamén 18 sesións informativas de presentación e adhesión ó Centro de Comercio Virtual www.ponteacomprar.com da provincia de Pontevedra, unha nova canle de venda en liña na que os produtores ou empresas de servizos poderán de balde poñer á venda os seus produtos e servizos, polo que se poderán beneficiar deste gran escaparate e do gran número de accións de márketing que están previstas. Esta é outra das iniciativas da Deputación de Pontevedra coa que se pretende favorecer a competitividade do tecido empresarial da provincia e a creación de novos postos de traballo no ámbito do comercio electrónico, en auxe na actualidade.











