Comezan as obras de instalación dun novo ascensor no mercado de Elviña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que se adxudicou o proxecto para a instalación dun novo ascensor no mercado de Elviña co fin de dar acceso á praza de abastos dende a planta baixa do edificio, mellorando desta forma a accesibilidade ao mercado, que xa conta cunha rampla mecánica e un elevador que comunican o párking e a primeira planta, situados nos sotos do inmoble.

A obra, que se adxudica á empresa Desarrolla Obras e Servizos por un importe de 59.048 euros, ten un prazo de execución de catro meses e comezará nas próximas semanas. Así mesmo, co inicio dos traballos, a Concellaría de Mercados, que dirixe Luisa Cid, dá resposta a unha antiga demanda dos pracervos e usuarios do mercado de Elviña, que dende a súa apertura en 2006 reclamaban un novo ascensor para favorecer a conexión entre todas as plantas e mellorar as prestacións do edificio, situado na avenida de Salvador de Madariaga.

A posta en marcha do ascensor, que deberá estar operativo en primavera, forma parte do plan para mellorar e modernizar os mercados municipais, un proxecto impulsado polo Goberno local cuxo obxectivo é manter as prazas en perfectas condicións e facelas máis atractivas para os clientes. No caso de Elviña, a instalación do elevador supón, ademais, o cumprimento dunha reivindicación cidadá que xurdiu dende o momento en que se inaugurou o mercado hai case nove anos.

A renovación do ascensor e do montacargas do mercado de Monte Alto, os ascensores panorámicos e as plataformas salvaescaleras nos accesos laterais do mercado de San Agustín -cuxa segunda fase da reforma foi adxudicada e comezará a principios deste ano- son outras das actuacións incluídas no plan de melloras impulsadas pola Concellaría de Mercados para favorecer a accesibilidade.

8 de xaneiro de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.