publicidade hoxe

Comeza a nova actividade «Camiños de Oleiros»

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros inicia o proxecto Camiños de Oleiros, unha actividade dirixida a elaborar de forma activa unha serie de rutas interpretativas por todo o territorio de Oleiros. Estes itinerarios contarán con distintos graos de dificultade, e neles recóllense os puntos de maior interese, e recuperarase a toponimia dos lugares e as fermosas historias e lendas que hai en cada camiño. Así mesmo, a flora e a fauna característica das distintas zonas será recollida. En definitiva, un catálogo de percorridos polo Concello de Oleiros no que o sendeirista poida gozar e coñecer todo o valor que nos ofrece cada paseo.

Co obxectivo de pór en marcha a elaboración dos itinerarios convócase unha primeira reunión o próximo mércores 28 de xaneiro ás 19.30 h na Casa Charry en Oleiros. Para participar nesta xuntanza deberán apuntarse previamente no Departamento de Servizos Sociais a través do correo electrónico: voluntariado@oleiros.org ou no teléfono de atención ao veciño 981 610 000.

A elaboración das rutas está previsto, inicialmente, que se faga a través do coñecemento que teñen os maiores que participan na actividade de sendeirismo do programa Ven e Descubre, co apoio do Voluntariado de Oleiros. Non obstante, destacar que é un proxecto aberto á participación de todas aquelas persoas que queiran colaborar. A colaboración pode ser de moitas formas: achegando ideas de percorridos, historias ou nomes dos lugares caídos no desuso, fotografando os lugares polos que se vai pasar, recollendo os tracks das rutas…, en definitiva un proxecto aberto e experimental, baseado na colaboración e na participación.

O resultado final está previsto que sexa nas distintas rutas, enriquecidas con todas as achegas que se fagan e que poidan estar dispoñibles para todos os veciños e veciñas en distintos formatos, tanto na web como en papel. Tras esta primeira reunión, na que se explicará de forma máis detallada o proxecto, seguirán outras máis, xa de planificación e organización do traballo por equipos en función das persoas que participen.

14 de xaneiro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.