Colas nas grandes cadeas e pequenos comerciantes no primeiro día de rebaixas en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O primeiro día de rebaixas en Santiago amenceu con colas nalgúns dos principais establecementos das grandes cadeas téxtiles, situados no centro da cidade, na zona nova, e tamén nas grandes superficies.

Fronte a esta primeira reacción, constatable ao outro lado dos mostradores, os responsables do pequeno comercio da cidade móstranse prudentes e á expectativa, e aprazan a súa avaliación da afluencia da clientela ata que pasen máis días.

“Ha de ir ben, pero por agora son as primeiras horas e aínda non se sabe moi ben a resposta da xente”, explica a dona dunha zapataría situada na Praza de Galicia. Ao respecto dos descontos, reivindica que no pequeno comercio son reais, algo do que desconfía nas grandes cadeas.

Nas cadeas máis potentes, pola súa banda, chaman a atención sobre que as colas se rexistran este mércores dende primeira hora. Unha dependenta dunha coñecida marca téxtil dá conta del: “Leva así dende que eu cheguei”, indica, entre cartelería con prezos de pezas a 5,99; 9,99; 15,99 e 19,99 euros. O seu contrato, engade, comezou coincidindo co inicio das rebaixas.

ATA O 7 DE MARZO

Roupa e calzado, como de costume, son os obxectivos prioritarios dos composteláns este 7 de xaneiro, con descontos que no primeiro dos casos alcanzan o 70% pero que quedan nun 40% para os zapatos.

A liberalización das rebaixas minguou as ansias dos clientes este primeiro día nos últimos anos, ao ser posible acceder a produtos con descontos durante todo o ano, e en especial en datas determinadas como as pasadas, con motivo da época do Nadal.

No casco histórico, non obstante, os comerciantes optan maioritariamente pola tradición, e o inicio das rebaixas de inverno dáse despois de Reis. Prolongaranse na maior parte dos casos ata o 28 de febreiro ou o 7 de marzo.

Como dato curioso, existen casos como o dunha tenda que decidiu botar o peche este mércores: unha de bixutería na Rúa das Orfas que colgou carteis de desconto do 75% nos seus produtos e que estaba repleta de clientela na mañá deste mércores.

ADORNOS, ENXOVAL E DROGUARÍA

Á marxe da roupa, tamén os adornos para a casa, as maletas e o enxoval, entre outros produtos, poden ser adquiridos dende esta xornada rebaixados.

As droguarías, igualmente, chegan ao 70% nos descontos da maquillaxe e deixan nun 30% ou 40% as rebaixas dos perfumes e as colonias.

“A partir do día 7 adoita vir xente que se quedou sen colonia nos regalos de nadal, ou que gasta o diñeiro que lle regalaron nun perfume”, expón unha dependenta dunha droguaría de República do Salvador.

7 de xaneiro de 2015 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.