COGAMI abre unha nova oficina de atención a persoas con discapacidade e familias en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) abre en Vilagarcía unha nova oficina de atención a persoas con discapacidade, familias, así como á sociedade en xeral, na Avda. López Ballesteros nº 7, oficina 6, edificio estación de autobuses, que coincide co enderezo do local da Asociación Galega de Linfedema, entidade que está dentro de COGAMI.

A traballadora social, María Araújo, é a profesional que traballa para promover o cambio social, a solución de problemas nas relacións humanas e o seu fortalecemento para incrementar o benestar das persoas con discapacidade, intervindo nos puntos nos que as persoas con discapacidade e as súas familias, se é o caso, interactúan coa súa contorna.

Esta oficina vai prestar servizos como os seguintes:

– Información, asesoramento e orientación.

– Servizo de voluntariado especializado en persoas con discapacidade.

– Xestión e apoio para acceder aos recursos sociais existentes.

– Servizo de promoción da autonomía persoal: onde se levan a cabo accións para fomentar a independencia e autonomía das persoas con discapacidade, entre as que se atopa a xestión do recurso de Asistencia Persoal.

– Atención psicosocial ás persoas con discapacidade e ás súas familias, se é o caso.

– Actividades de sensibilización e concienciación: campañas de fomento da inclusión, de prevención de lesións medulares, etc.

– Intervención social en áreas de actuación específica: muller, menores, persoas en situación de dependencia, etc.

O horario de atención da oficina será de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres e de 16.30 a 20 horas de luns a xoves.

27 de xaneiro de 2015 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.