Clara vitoria de España sobre Ucraína en Vista Alegre

Encontro España-Ucraína
A afección mariñá gozou do mellor fútbol sala internacional esta tarde en Vista Alegre cunha clara vitoria da Selección Española fronte a Ucraína, quinta clasificada no ranking UEFA. A Vermella impúxose por 4-0 con dous tantos en cada tempo, de Sergio Lozano, Adolfo e dobrete de Aicardo.
O combinado dirixido por José Venancio López Ferro inaugurou o electrónico no minuto 5, con diana de Sergio Lozano; no 7, Adolfo subiu o 2-0. Ucraína tivo as súas opcións de reducir distancias; as máis claras, dúas boísimas antes de chegar ao ecuador da primeira parte, de Bilotserkivets e Kordova, que non conseguiron definir fronte a Paco Sedano.
Tras o descanso a presión da Vermella, coa incorporación de Jesús Herrero baixo os paus, asfixiou ás filas ucranianas. Superado o minuto 30, a embestida española levantou os aplausos da bancada cun potente mísil de Sergio Lozano cazado tras unha serie de rexeites. Diego Quintela tamén tivo nos seus pés o 3-0 no minuto 32, freado polo meta rival ao bordo da liña de meta. A falta de case catro minutos para o final, Ucraína apostou polo xogo de cinco pero a Vermella non perdoou. No minuto 38, Aicardo aproveitou cun dobrete a porta baleira para anotar o definitivo 4-0.
Homenaxe a Juanma Marrube
A visita da Selección Española e Ucraína, no primeiro partido de fútbol sala de elite de 2015 en Vista Alegre, tamén trouxo un recordo imborrable para o mausoleo e a historia da familia burelista. Antes do asubío inicial, o eterno capitán laranxa e actual secretario técnico do CD Burela FS Pescados Rubén, Juanma Marrube, recibiu unha emotiva homenaxe; o presidente do club, Manuel Blanco, acompañado polo responsable de seleccións de fútbol sala da RFEF, Laurentzi Gana, e do alcalde de Burela, José María González Barcia, ademais do propio homenaxeado, descubriu a vitrina na que figurará a camiseta do ex xogador, cuxo dorsal foi retirado coincidindo coa súa despedida das pistas este verán. Desde hoxe o 8 histórico laranxa lucirá á beira do marcador da bomboneira











