Chega a Carballo inFórum15 con Carlos Fernández, o mellor community manager do Estado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Carlos Fernández Guerra, o responsable do éxito da Policía Nacional en Twitter, será un dos convidados á estrea de inFórum15, un novo espazo para a información, a formación e o debate no que terán cabida todo tipo de temas e para todo tipo de públicos. InFórum15, unha iniciativa da Concellería de Formación e Emprego, desenvolverase ao longo do ano, cunha programación de calidade na que se terán en conta as preferencias dos distintos sectores da sociedade.

Aínda que todas as charlas estarán abertas a toda a poboación, nesta primeira entrega de inFórum15 terán especial protagonismo os estudantes, por unha banda, e os empresarios e empresarias, por outra. A estes últimos irá especialmente dirixida a conferencia de Carlos Fernández Guerra, un dos communitymanager máis coñecidos e recoñecidos a nivel internacional tras conseguir que a Policía Nacional sexa o corpo policial con máis seguidores do mundo, 1.350.000 nestes momentos, mesmo por riba o FBI.

Carlos Fernández Guerra estará no Fórum Carballo o día 29, a partir das 19 horas, para falar sobre a importancia das redes sociais dentro de calquera estratexia publicitaria e, por suposto, para falar do éxito de @policia. Se queres escoitalo comodamente sentad@ reserva a túa praza enviando unha mensaxe a través da páxina de Facebook de Fórum Carballo (https://www.facebook.com/forumcarballo.amilagrosa) ou do perfil de Twitter que estreamos precisamente hoxe (@forumcarballo).

O Fórum Carballo, que se ten convertido no centro de referencia de entidades de toda Galicia á hora de planificar as súas accións formativas e informativas, dá un paso máis na súa aposta pola formación e a información de calidade a través de inFórum15.

21 de xaneiro de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.