Charla con perspectiva de xénero sobre a protesta social no franquismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaria de Patrimonio Histórico organiza esta tarde, ás 20.00 horas, unha conferencia sobre “Mulleres diante. Unha revisión da protesta social nas primeiras décadas do franquismo na provincia de Pontevedra dende a perspectiva de xénero”, de Ana Cabana. Será na planta baixa da Casa das Campás e está incluído dentro do programa Memoria das mulleres.

A conferencia dará unha visión do papel das mulleres na conflitividade que tivo lugar nas primeiras dúas décadas de vixencia do franquismo na provincia de Pontevedra.

Valorará a presenza das mulleres en primeira liña de conflito, e identificará os principais conflitos nos que dita presenza tivo protagonismo. Tamén comentarase de vagar algún caso senlleiro como os que tiveron lugar na loita contra o pago da cuota da Hermandade Sindical de Labradores e Gandeiros (o sindicato obrigatorio no rural que organizou o franquismo) ou contra a repoboación forestal dos montes veciñais da provincia de Pontevedra. A ponente subliñará tanto a existencia de protestas e conflito nos anos corenta e cincuenta (dado que son moi descoñecidos eses episodios) e, dentro deles, o papel das mulleres, que acostuma a pasar desapercibido.

Ana Cabana Iglesia é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerce como profesora Contratada Doutora no Departamento de Historia Contemporánea e de América. Realizou estancias de investigación en diferentes centros internacionais como o Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa ou o Cañada Blanch Centre da London School of Economics& Political Science (LSE).

Leva a cabo o seu labor investigador no marco do Grupo de Referencia Competitiva “Histagra” (Historia Agraria e Política non mundo rural. Séculos XIX e XX). Entre as súas últimas publicacións poden destacarse as monografías Xente de Orde. O consentimento cara ao franquismo en Galicia, A Coruña, tresCtres (2009) e La derrota de lo épico, Valencia, Prensas de la Universidad de Valencia (2013) e varios artigos en revistas científicas de prestixio.

16 de xaneiro de 2015 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.