publicidade hoxe

Cervo, Xove e Xunta porán a proba un novo método mariñán na loita contra a vespa velutina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal PortadaLugoXove
A-
A+

O Concello de Cervo avanzou que mañá avaliará de forma conxunta co Concello de Xove e a Consellería do Medio Rural un novo método creado por un apicultor da Mariña para eliminar os nidos de vespa velutina. O sistema consiste en danar o interior dos nidos con lume controlado utilizando para chegar a eles tubos de aluminio extensibles que funcionan a modo de pértega.

En concreto, faranse varias probas en nidos reais para determinar a efectividade deste aparello. O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) será o encargado de facer este exercicio, mentres Medio Rural supervisará o procedemento, e no que tamén estará presente o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro e o creador do método, José María Vázquez. É importante destacar que durante esta proba adoptaranse as máximas medidas de seguridade.

Unha vez feitas as probas analizaranse os resultados, avaliando tanto os beneficios como os perigos. Ademais, determinaranse as posibilidades de utilización deste método nas diferentes épocas e estacións do ano, sempre buscando que a loita contra esta especie invasora se faga en sintonía co coidado e a protección do medio natural. En caso de que o sistema fose apto, a administración terá que estar implicada, ben poñéndoo en práctica ou ben supervisando e controlando o proceso.

Hai que dicir que son moitas as medidas que se levan posto en marcha para tentar controlar a poboación de vespa velutina, tamén en comunidades como o País Vasco ou países como Francia, onde elevan máis de dez anos loitando contra esta praga e atopando grandes dificultades para frear o seu avance. Pero neste caso “falamos dun método aínda en experimentación”, asegura Villares. Polo momento, “parece que este sistema permitiría reducir os riscos do persoal de emerxencias que se encarga de eliminar os nidos; rebaixar custes e, probablemente, incrementar a efectividade”.

28 de xaneiro de 2015 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.