Celta, Santa Marina e Sárdoma fanse co Torneo de Nadal da Deputación de Pontevedra

Entrega de trofeo
Emoción ata o último momento nas finais do Torneo de Nadal da Deputación que se disputaron hoxe en Cotogrande. Na categoría alevín o Celta impúxose cun solitario gol ante o Santa Marina, que realizou un gran torneo desde a primeira xornada. O Cambados superou o Porriño no partido polo terceiro e cuarto posto pero tivo que ser na quenda de penaltis (3-2), tras culminar o encontro con empate a cero. A final de consolación levouna o Celta B tras vencer por tres tantos a cero ó Rápido de Bouzas.
En benxamíns a vitoria foi para o Santa Marina, tras desfacerse na final do Celta nun disputado encontro que finalizou cun apertado 3-2 no marcador. O Areosa acabou terceiro, despois de lle gañar (1-0) ó Independiente no choque polo terceiro e cuarto posto. Na final de consolación venceu o Colegio Hogar, que se impuxo por 2 goles a 1 ó Ribadumia.
E na categoría prebenxamín o trofeo gañouno o Sárdoma tras unha brillante final que acabou vencendo por dous tantos a cero fronte ó Val Miñor. No encontro polo terceiro e cuarto posto impúxose o Victoria B ó Santa Marina por 2 goles a 1. A vitoria na final de consolación foi para o Victoria B, que venceu ó E. F. Portero (2-0).
Tanto o presidente da Deputación, Rafael Louzán, coma o seu vicepresidente, José Manuel Figueroa, xunto coa deputada Marta Iglesias e o delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González, agradeceron o esforzo das nais e pais, dos clubs e, por suposto, dos 2.380 nenos e nenas que participaron neste torneo, que alcanzou este ano a súa sétima edición consecutiva e logrou reunir a 140 equipos da área metropolitana de Vigo.
Durante as tres primeiras xornadas do certame disputáronse un total de 60 encontros diarios, o que ofreceu un espectáculo masivo tanto para os deportistas coma para o público en xeral. Na xornada de hoxe desenvolveuse unha nova final de oito equipos cun método de eliminatoria que permitiu maior axilidade e vistosidade para equipos, xogadores e público.
O torneo tivo lugar nos campos de fútbol de Atios e Cotorrón (os dous en Mos), Cotogrande (1 e 2), A Guía, Matamá, Meixoeiro, Porriño, Castrelos e Sárdoma.











